venres 24/09/21

Os indultos protagonizan a sesión de control no Congreso

Un día despois da reunión entre Pedro Sánchez e Pere Aragonès, presidentes do Estado e Catalunya respectivamente, chegou a quenda da sesión de control no Congreso, onde Sánchez defendeu os indultos mentres as forzas de dereitas anunciaban os recursos á decisión, valorando unha moción de censura.
Adriana Lastra (de costas) e Pedro Sánchez, onte, na sesión de control no Congreso. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
Adriana Lastra (de costas) e Pedro Sánchez, onte, na sesión de control no Congreso. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

A sesión de control no Congreso comezou pouco despois das nove da mañá desta cuarta feira con Pedro Sánchez, titular da Presidencia do Estado, defendendo a decisión de indultar as nove presas e presos políticos cataláns que permanecían na prisión despois de organizaren o referendo de autodeterminación do 1 de outubro de 2017.

Apenas un día despois de reunirse co presidente de Catalunya, Pere Aragonès, e oito tras a concesión dos indultos polo Consello de Ministros, Sánchez baseou a súa disertación na concordia e no diálogo, salientando que a “vía xudicial non vale por si soa para garantir a convivencia en Catalunya”.

Máis de 2.700 indultos foron asinados por José María Aznar e máis de 800 por Mariano Raxoi, esgrimiu o presidente, para soster a normalidade da medida. Asemade, indicou que non implican o seu apoio a un referendo de autodeterminación pactado co Estado, apostilando que o PSOE non o vai aceptar.

“Dádenos tempo”, respondeulle Gabriel Rufián, voceiro de Esquerra Republicana de Catalunya no Congreso, antes de lembrar a Sánchez que hai tempo tamén negaba os indultos aos presos políticos cataláns.

Na mesa de diálogo hai que falar de “amnistía e de autodeterminación”, apuntou Jaume Asens, presidente no Congreso do grupo parlamentar de Unidas Podemos, socio minoritario do Goberno do Estado.

Pola súa banda, unha vez que Vox e Ciudadanos xa anunciaran o recurso aos indultos no Tribunal Supremo, Pablo Casado, líder do PP e da oposición no Congreso, fixo o propio na sesión de control pola “afectación á soberanía [española] con este atropelo democrático”.

Asemade, mentres criticaba a concesión dos indultos e o "golpe de Estado" que supón baixo seu xuízo, engadiu que "a Guerra Civil foi o enfrontamento entre quen quería democracia sen lei e quen quería lei sen democracia", afirmación que despertou a ira de boa parte das forzas políticas no Congreso, que o acusaron de "branquear 
o fascismo".

comentarios