Imran Khan fica excluído do novo Executivo anunciado en Paquistán

Pendente de resolver a manipulación electoral.
Protestas do PTI pola manipulación dos comicios a pasada semana. (Foto: Hussain Ali / Europa Press / Contacto)
photo_camera Protestas do PTI pola manipulación dos comicios a pasada semana. (Foto: Hussain Ali / Europa Press / Contacto)

“Os resultados das eleccións deben aceptarse”, insistiu hoxe Abdul Qayyum, presidente da Sociedade de ex militares de Paquistán, onde as Forzas Armadas teñen unha importante influencia na política estatal. Horas despois, a conservadora Liga Musulmá (PML) e os progresistas Partido Popular (PPP) e Movemento Muttahida Qaumi (MQM) anunciaron un acordo para facer viábel un novo Goberno, que estará apoiado desde fóra polo PPP.

Shehbaz Sharif, líder do PML, sostivo que representan case dous terzos do Parlamento, na reedición dos acordos para facerse cargo do país após a destitución de Imran Khan por parte do lexislativo en 2022.

Porén, Khan, líder de facto desde prisión do Movemento pola Xustiza (PTI), subliñou que loitarán para que se respecte a vontade popular. O partido defende que obtivo a maioría absoluta na Asemblea Nacional e que lle foron roubados máis de 80 escanos por parte da Comisión Electoral federal, que suspendeu a proclamación da candidatura vencedora nunha decena de circunscricións electorais polas impugnacións.

Comentarios