Hungria aproba unha lei que criminaliza as ONGs e as persoas que auxilian o colectivo inmigrante

Nova volta de porca das posicións fascistas nun estado membro da UE, duramente criticada por organizacións non gubernamentais, ONU e o Parlamento europeu. Será delito até prestar axuda a persoas refuxiadas que entren no país coa intención de demandar asilo.

viktor orban imaxe BGhu
photo_camera Viktor Orban

As posicións ultradereitistas e xenófobas son maioritarias no Parlamento húngaro, hexemonizado polo Fidesz, o partido liderado polo primeiro ministro Viktor Orban. Destarte, a cámara lexislativa deu luz verde esta cuarta feira pasada a unha lei oficialmente coñecida como STOP Soros, en alusión directa á rede de ONGS de apoio á inmigración tecida polo millonario de orixe maxiar George Soros. Trátase dun pacote de normas que visan un só obxectivo: tornar delito o auxilio a aquelas persoas inmigrantes que se achan no país sen papeis en regra.

En declaracións a Reuters, o ministro de Interior, Sandor Pinter, afirmou: "O pobo húngaro ten a expectativa de que o Goberno use todos os meios necesarios para combater a inmigración ilegal e as actividades que a promoven". E engadiu: "Queremos usar estas leis para impedir que a Hungría se torne un país de inmigrantes".

O Fidesz está a alimentar unha auténtica histeria sobre unha suposta invasión de inmigrantes no país que non se corresponde en absoluto coa realidade: segundo as estimacións de Reuters, neste estado de 10 millóns de habitantes apenas viven 3.555 persoas refuxiadas.

Comentarios