Hackean a conta de Associated Press para informar dun falso atentado contra Obama

A coñecida axencia de noticias informou esta terza feira dun suposto atentado acometido contra o presidente dos EUA na propia Casa Branca. A nova publicada na conta de Twitter da axencia causou unha caída de 150 puntos na bolsa do país. 

Un atentado terrorista na Casa Branca e contra o mesmísimo presidente dos EUA. Esa era a información publicada pola axencia de noticias estadounidense American Press en Twitter esta terza feira. Após o acontecido en Boston e do estado de alarma inoculado á poboación ianqui, un hacker foi quen de facer crer por uns intres que Barack Obama fora vítima dun atentado na súa morada oficial e mesmo que resultara ferido no acto. 

A información foi axiña desmentida pola propia axencia de noticias, mais nos últimos días foron diversas as novas que reavivaron o temor ao "terrorismo internacional" nos EUA. Neste senso, a información publicada causou o pánico en Dow Jones (a bolsa estadounidense) que sufriu unha queda de até 150 puntos (1%) en 3 minutos logo de se coñecer o falso atentado. 

Un responsábel da Casa Branca viuse na obriga de desmentir a información para que a calma volvese a Wall Street. 

Comentarios