A guerra en Ucraína, en directo, este 22 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.
Ruínas dun edificio bombardeado en Dnieper (Ukrinform / dpa); un dos moitos refuxios antiaéreos da cidade de Lviv (Mykola Tys / SOPA Images via ZUMA / DPA); poboación civil recibe adestramento militar en Odesa ( Ukrinform / dpa)
photo_camera Ruínas dun edificio bombardeado en Dnieper (Ukrinform / dpa); un dos moitos refuxios antiaéreos da cidade de Lviv (Mykola Tys / SOPA Images via ZUMA / DPA); poboación civil recibe adestramento militar en Odesa ( Ukrinform / dpa)
 Actualizar

🔴 [EN DIRECTO]

 

21.37 | A UE xustifica a prohibición de partidos da oposición en Ucraína

Calquera medida que as autoridades lexítimas ucraínas tomen é para preservar a vida dos cidadáns e combater a agresión, sinalou Peter Stano, portavoz comunitario de Exteriores da UE. Nunha rolda de prensa, Stano rexeitou a crítica á prohibición de partidos da oposición en Ucraína e, ademais, afirmou que “non é o momento apropiado” para que Bruxelas denuncie os pasos dados por Kiev.

Stano foi un paso máis aló, vinculando as críticas ao Executivo de Vladimir Zelenski á propaganda rusa. "Tratar de dar a imaxe de Ucraína como un país non democrático e no que os dereitos dos seus cidadáns se limitan é basicamente facerse eco da propaganda rusa de que é un país dirixido por nazis, por extremistas e onde hai violacións de dereitos sistemáticas. Non hai nada diso", resolveu.

21.15 | "Cando suspenderon o servizo militar obrigatorio deixaron aberta a porta a reinstauralo"

Miguel Anxo Abraira, que pasou polo cárcere tras oporse a prestar o servizo militar obrigatorio, conversa con Nós Diario sobre o 'Manual de obxección de conciencia' que impulsa o colectivo Berro Seco, do que forma parte, para explicar á mocidade a importancia deste procedemento para evitar unha chamada 'a filas' do Exército, nun momento de "escalada" en Ucraína e o norte de África.

19.28 | A Xunta activa a Risga para os refuxiados ucraínos, que cifra en 800

Aliás, activaranse un dispositivo de atención psicolóxica e programas de orientación e adaptación curricular que axuden o alumnado ucraíno a integrarse cando antes na educación galega.

17.35 | A ONU pide pór fin ás hostilidades "polo ben das crianzas"

A representante especial de Nacións Unidas para Nenos e Conflitos Armados, Virginia Gamba, instou esta terza feira as partes enfrontadas en Ucraína a "acharen unha base común para unha resolución pacífica do conflito" e pór fin así ás hostilidades "polo ben dos nenos ucraínos".

16.10 | Zelenski pide unha reunión con Putin

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, manifestou recentemente a súa vontade de reunirse co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, e asegurou estar disposto a falar "sobre os territorios ocupados" de Crimea e o Donbás. Porén, recoñeceu que "non será posíbel a fin da guerra" sen unha reunión "en calquera formato" con Putin.

13.23 | Nacións Unidas contabiliza máis de 3,5 millóns de persoas refuxiadas de Ucraína

A Organización das Nacións Unidas (ONU) contabliza 3,53 millóns de persoas refuxiadas desde o comezo da guerra en Ucraína. Deles, 2,1 millóns fixérono cruzando a fronteira con Polonia; 542.000 a de Romanía; 367.000 a da República de Moldova; 317.000 a de Hungría; e 250.000 a de Eslovaquia.

12.11 | O Exército ucraíno pide á poboación belarusa que se una á guerra contra Rusia

Varios soldados do Exército ucraíno gravaron un vídeo no que instan a poboación de Belarús a que apoien o pobo ucraíno e se unan á loita contra Rusia. No vídeo, cualifican de "invasores nazis" os soldados rusos, e conclúen asegurando que "vencerán".

10.32 | As autoridades de Donetsk denuncian un ataque con mísiles a Makeevka, no Donbás

As autoridades da autoproclamada República Popular de Donetsk denunciaron que na mañá desta terza feira o Exército ucraíno lanzou un atque militar con mísiles contra a cidade de Makeevka, situada no Donbás.

8.08 | Biden acusa Putin de querer empregar armas biolóxicas e químicas en Ucraína

O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, acusou o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, de querer empregar armas químicas e biolóxicas contra a poboación civil de Ucraína. As palabras do dirixente estadounidense chegan como resposta á petición conxunta de Rusia e China para que os EUA expliquen publicamente que traballos se estaban a levar a cabo nas "instalacións de investigación biolóxica" que os rusos capturaron en solo ucraíno hai dúas semanas.

Comentarios