O Goberno luso xa actúa en funcións ao formalizarse a dimisión de Costa

Nuno Santos, favorito á candidatura do PS.
Rebelo de Sousa, presidente, e Costa, primeiro ministro luso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rebelo de Sousa, presidente, e Costa, primeiro ministro luso. (Foto: Nós Diario)

O Executivo de Portugal está en funcións desde hoxe, despois de que á última hora da quinta feira o presidente Marcelo Rebelo de Sousa fixera efectiva a renuncia do primeiro ministro António Costa (Partido Socialista, PS), presentada e aceptada o 7 de novembro, o que só permitirá ao Gabinete encargarse do “estritamente necesario para garantir a xestión pública”, sinala o comunicado da Presidencia.

No que atinxe ao lexislativo, a súa disolución entrará en vigor o 15 de xaneiro de cara aos comicios adiantados do 10 de marzo.

A última enquisa publicada, a de Consulmark2, adianta que o conservador Partido Social Democrata converteríase en primeira forza mais precisaría da ultradereita do Chega para gobernar. As dúas formacións tamén alcanzarían maioría absoluta segundo unha sondaxe de Aximage, mais que neste caso outorga a primeira praza ao PS.

A militancia da formación escollerá o 15 e 16 de decembro ao seu candidato, nunhas votacións que un traballo demoscópico de Consulmark2 avanza que gañará Pedro Nuno Santos, considerado proclive a pactar coas forzas de esquerda.

Comentarios