O Goberno español volve enviar ao Congreso o proxecto de lei de paridade

As mulleres ocuparán no mínimo 40% dos órganos de dirección
Ana Redondo, ministra de Igualdade, hoxe. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Ana Redondo, ministra de Igualdade, hoxe. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros do Estado español aprobou hoxe o proxecto de lei de paridade, que xa fora enviado ao Congreso na pasada lexislatura mais que decaeu pola convocatoria electoral do 23 de xullo.

“A meritocracia sen paridade non é posíbel”, defendeu a nova ministra de Igualdade, Ana Redondo (PSOE), en alusión a un texto que de ser aprobado polo lexislativo estabelecerá que a presenza de mulleres no Executivo, órganos constitucionais, consellos de administración das grandes empresas ou candidaturas electorais ten que ser de entre 40% e 60% do total.

Aínda que en lugares como a Cámara Baixa española xa se supera esa porcentaxe mínima, a situación é moi diferente ao respecto dos consellos de administración das sociedades que cotizan en bolsa, nas que non alcanzan 30%, e aínda menos no caso da alta dirección, con apenas 19,6% de mulleres.

As 35 empresas do Estado con maior valor en bolsa terán que aplicar a norma o 30 de xuño de 2024, e en 2026 todas as compañías con  máis de 250 traballadoras e traballadores e 50 millóns de euros de volume de negocio anual.

No que atinxe ao resto de entidades que se terán que adaptar á nova normativa, como Colexios Profesionais, o Gabinete fixou na proposta un prazo máximo de cinco anos para lograr a 
paridade exixida.

Sancións

As sancións no caso de non cumprir coas porcentaxes marcadas poden alcanzar 2% dos recursos propios da empresa infractora e até a suspensión da cotización en bolsa durante un tempo que non exceda o ano.

Redondo demandou ás “mulleres feministas” no Partido Popular que apoien un “gran consenso” arredor da lei, a primeira do novo Goberno español.

Comentarios