Generalitat e Goberno español retomarán a mesa de diálogo a finais de xullo

O Goberno catalán e máis o español manterán unha segunda reunión antes de que finalice o ano para seguir achegando posturas.
Pedro Sánchez e Pere Aragonès. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Pere Aragonès, na reunión desta sexta feira. (Foto: Europa Press)

Os presidentes da Generalitat de Catalunya e do Goberno español, Pere Aragonès e Pedro Sánchez respectivamente, acordaron esta sexta feira retomar a mesa de diálogo a finais de xullo cunha xuntanza entre as delegacións de ambos Executivos.

Fixérono na primeira reunión entre ambos dirixentes despois de dez meses, e coa explosión do escándalo de espionaxe a persoeiros do soberanismo e independentismo catalán co programa Pegasus por medio. Unha conversa de dúas horas coa que Sánchez e Aragonès pretendían recuperar o camiño de confianza entre Catalunya e o Estado español.

Será a terceira reunión entre os Gobernos catalán e español desde que se estabelecera a mesa de diálogo. Nas dúas primeiras, Quim Torra aínda exercía a Presidencia da Generalitat, antes de ser inhabilitado xudicialmente.

A reunión de hoxe entre os presidentes estaba datada para o pasado mes de abril, mais precisamente o escándalo de Pegasus fixo que o Goberno catalán rompese relacións de maneira unilateral co seu homólogo español.

Reforzar o "o proceso de negociación"

A pasada semana, o ministro de Presidencia do Estado español, Félix Bolaños, e a conselleira de Presidencia de Catalunya, Laura Vilagrà, mantiveron unha reunión no Palau da Generalitat para estabelecer as liñas mestras da conversa desta sexta feira entre Sánchez e Aragonès.

Durante esa reunión, as mans dereitas de ambos mandatarios pactaron un "acordo metodolóxico para reforzar o proceso de negociación" entre Catalunya e o Estado español.

Este "acordo" trasladouse a un documento de dúas páxinas, Acordo marco para o diálogo e a negociación, no que ambos Executivos mostran a súa predisposición por "contribuír á fin da xudicialización do conflito político, garantindo a seguridade xurídica".

Comentarios