Pontón e Aragonès chaman a estreitar os vencellos entre a Galiza e Catalunya

A líder do BNG fixa como obxectivo "rachar coa hexemonía do PP" de cara ás eleccións galegas de 2024.
O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, recibiu esta quinta feira á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, recibiu esta quinta feira á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

O president da Generalitat catalá, Pere Aragonès, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abordaron esta quinta feira os vencellos económicos e de investigación entre Catalunya e a Galiza nunha reunión decorrida no Palau da Generalitat, na que tamén analizaron a situación política no Estado español.

Nunha rolda de prensa após a reunión, Pontón explicou que trasladou a Aragonès a súa vontade de "estreitar as relacións económicas e científicas" nun momento de crise económica, algo que espera poder facer cedo desde a Presidencia da Xunta da Galiza.

A líder da oposición no Parlamento galego asegurou que Catalunya é o "cuarto mellor cliente da Galiza dentro do Estado", sobre todo en alimentación e bens de consumo, e resaltou que en Catalunya existe un tecido empresarial importante de capital galego.

Aliás, expresou o seu "convencemento de que á Galiza lle irá mellor cunha cooperación intelixente en Catalunya e non coa confrontación", e destacou a colaboración entre ambos os territorios a través de centros como a Universidade de Santiago de Compostela e a Universitat de Barcelona.

Así, subliñou que xa "hai experiencias de colaboración exitosas no ámbito científico", como no sector da biomedicina, e apuntou que poden estenderse a ámbitos como o medio ambiente, a economía circular e a promoción económica, tamén desde o punto de vista da innovación.

"Rachar a hexemonía do PP"

Pontón afirmou que a súa formación fixa como obxectivo "rachar a hexemonía do PP" na Galiza e chegar á Presidencia da Xunta en 2024, após pasar de seis a 19 escanos nas últimas eleccións galegas.

"Estamos convencidos e convencidas de que esa mudanza está en marcha. As enquisas dinnos que o BNG sobe e que o PP baixa", celebrou, e sostivo que o PP decidiu non convocar eleccións tras a marcha de Alberto Núñez Feixoo porque "sabían que as perderían".

Modelo lingüístico

Pontón tamén abordou con Aragonès o modelo lingüístico no ensino, un debate que, apuntou, existe na Galiza desde hai 13 anos: "O PP decidiu arrinconar o galego. Temos un decreto que fai que o galego teña un status de segunda, incumprindo o Estatuto de Autonomía".

"Quen ten que decidir o futuro da lexislación educativa son as súas institucións democráticas" e desde o consenso, defendeu a dirixente galega, en pleno debate sobre a aplicación da sentenza que obriga a impor 25% de castelán nas aulas catalás.

Comentarios