Francia e Córsega acordan impulsar un estatuto de autonomía para a illa

O recoñecemento do pobo corso e a cooficialidade da lingua fican fóra.

O ministro de Interior francés, Gérald Darmanin. (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto)
photo_camera O ministro de Interior francés, Gérald Darmanin. (Foto: Vincent Isore / Europa Press / Contacto)

Na madrugada da terza feira, após o final dunha reunión con oito cargos electos corsos que se estendeu por máis de cinco horas, o titular de Interior francés, Gérald Darmanin, trasladou que fecharon un “amplo acordo institucional” para desenvolver un estatuto de autonomía.

O estatuto fixa a illa “dentro da República" e recolle "os seus propios intereses vinculados á súa insularidade mediterránea, ao seu carácter histórico, lingüístico e cultural”, implicando o desenvolvemento dun “vínculo único coa súa terra”.

Limites á autonomía

Porén, no marco do centralismo galo, o ministro reiterou que isto non implica recoñecer a existencia do pobo corso, “nin o estatuto de residente nin a cooficialidade da lingua”, así como a creación de “dúas categorías de cidadáns”. “Non hai unha separación de Córsega”, insistiu, ao tempo que a conservadora Os Republicanos criticou que “será obxecto de propostas idénticas doutras rexións e conducirá á fragmentación de Francia”.

O presidente do Consello Executivo corso, o nacionalista Gilles Simeoni, sostivo que se trata dun “paso decisivo” ao determinarse “o principio dun poder de natureza lexislativa sometido a un control do Consello Constitucional”.

Amais, indicou que “a amplitude e as modalidades de exercicio dese poder lexislativo” serán desenvoltas nunha lei orgánica no Parlamento de París.

O entendemento ten que ser debatido primeiro na Asemblea de Córsega, despois do que será remitido ao lexislativo estatal. Tanto a Asemblea Nacional como o Senado francés teñen que validalo antes dunha sesión conxunta.

Mobilizacións

O presidente, Emmanuel Macron, abriu a porta a negociar a autonomía logo das protestas en 2022 polo asasinato en prisión de Yvan Colonna.

Comentarios