Francia completa a retirada dos seus soldados, expulsados de Níxer, o terceiro país do Sahel do que marchan en ano e medio

Aínda quedan militares dos EUA, Italia e Alemaña.
Marcha en Niamey, Níxer en defensa do golpe de Estado de xullo. (Foto: Djibo Issifou / DPA)
photo_camera Marcha en Niamey, Níxer, en defensa do golpe de Estado de xullo. (Foto: Djibo Issifou / DPA)

Os 1.500 soldados franceses estacionados en Níxer finalizaron hoxe a súa retirada do territorio africano, o terceiro país da rexión do Sahel que conseguiu no último ano e medio a súa expulsión tras Malí e Burkina Faso. Os tres Estados sufriron a colonización de Francia.

A saída do país foi anunciada en setembro polo presidente francés, Emmanuel Macron, após negarse a recoñecer a Xunta Militar que se fixo co poder nun golpe de Estado incruento a finais de xullo en detrimento do ex mandatario Mohamed Bazoum, un dos principais aliados de París e da Unión Europea na zona.

Níxer chegou a acusar Francia de preparar unha intervención militar cos membros da Comunidade Económica de Estados de África Occidental para restaurar Bazoum, mais a entidade finalmente descartou esta opción.

Aínda fican en Níxer arredor de 1.000 militares dos Estados Unidos e aproximadamente 600 de Italia e Alemaña. O titular de Defensa alemán, Boris Pistorius, estivo no país a comezos de semana para abordar o futuro do continxente teutón.

Comentarios