A ofensiva do Estado

A Fiscalía imputa ao Govern delitos que poderían levar Puigdemont e Junqueras á cadea

Pisa a fondo o acelerador o Estado e os seus aparatos represivos contra o Govern e a maioría dos integrantes da Mesa do Parlament por ter aprobado o decreto de convocatoria do 1-O e ter permitido a tramitación da Lei do Referendo, respectivamente. A Fiscalía, ás ordes do Goberno Rajoy, entende que o presidente da Generalitat e a totalidade do seu Govern poderían ter cometido un delito de malversación de fondos públicos, ilícito penal que pode comportar penas de prisión.

govern
photo_camera O Govern en pleno na sala do Parlament en que todos e cada un dos seus membros asinaron a convocatoria

A asinatura do decreto de convocatoria do referendo faría incorrer a Puigdemont e Junqueras -presidente e vicepresidente-, ben como á totalidade dos consellers, nun delito de "desobediencia, prevaricación e malversación de caudais públicos, no mínimo". Os dous primeiros ilícitos penais non envolven penas de prisión, a malversación, si.

A desobediencia e a prevaricación decorrerían do facto de ter convocado un referendo tido por ilegal polo Tribunal Constitucional.

As querelas contra o Govern e contra a maioría da Mesa do Parlament -4 parlamentares de JxSí e un de Catalunya Sí que es Pot- apresentounas esta sexta feira a Fiscalía Xeral do Estado -cuxo titular é nomeado directamente polo Goberno español- perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, o órgao xurisdicional que investigará os feitos obxecto da denuncia.

O fiscal xeral do Estado entende que "os responsábeis da Generalitat" estarían a conculcar "a Constitución e o propio Estatuto de Autonomía" e a "desobedecer frontalmente os reiterados pronunciamentos do Tribunal Constitucional" contra a convocatoria do referendo.

A querela contra os membros da Mesa, a diferenza da dirixida contra os integrantes do Govern, non comportaría penas de cadea, ao só lles imputar os delitos de desobediencia e prevaricación.

A Fiscalía pide aos Mossos que adopten "as medidas necesarias" para impedir a "organización e celebración" do referendo

Mais a acción da Fiscalía non fica aí. Na súa querela contra o Govern tamén pide que se ordene aos corpos policiais, incluído os Mossos d'Esquadra, que "adopten as medidas necesarias para impedir a promoción, organización e celebración do referendo ilegal".

Entre as medidas coercitivas cuxa aplicación demanda o MInisterio Público áchase tamén o fechamento das webs institucionais sobre o referendo, o apercebimento aos meios -públicos e privados- para non aceitaren anuncios sobre a consulta e unha instrución expresa ás alcaldesas e alcaldes para non cederen locais con vistas á ubicación dos colexios eleitorais.

Comentarios