A Fiscalía do Tribunal da Haia pide deter o líder birmano por crimes contra a humanidade no xenocidio rohingya

Min Aung Hlaing, líder da Xunta Militar de Myanmar, en 2019. (Foto: U Aung / Europa Press / Contacto)
Min Aung Hlaing está á fronte da Xunta Militar desde o golpe de Estado de 2021.

Karim Khan, que encabeza a Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI), solicitou a cuarta feira á maxistratura que autorice unha orde de arresto contra o líder do Exército de Myanmar desde 2011 e da Xunta Militar que se fixo co poder nun golpe de Estado en 2021, o xeneral Min Aung Hlaing, ao que acusa de crimes contra a humanidade pola persecución e deportación do pobo rohingya en 2017.

Advertindo que a esta solicitude de detención, a primeira “contra un funcionario de alto nivel do Goberno de Myanmar”, “seguirán máis”, Khan detallou que o Tatmadaw, as Forzas Armadas birmanas, tiveron colaboración á hora de executar o xenocidio contra este pobo maioritariamente musulmá -a maioría da poboación do Estado practica o budismo- das forzas de seguridade e até de civís non rohingya.

Máis dun millón de integrantes desta comunidade tiveron que fuxir de Myanmar para salvar a vida, nunha persecución avalada pola daquela líder de facto birmana, Aung San Suu Kyi, que recibiu en 1991 o premio Nobel da Paz.

Máis de 850.000 rohingya sobreviven nos campos de persoas refuxiadas no distrito de Cox’s Bazar, no veciño Bangladesh.

A discriminación dos rohingya, que proceden do Estado birmano de Rakhine, chega a tal punto que Min chegou a definir o termo rohingya como “imaxinario”.

Guerra civil

O golpe de Estado que acabou coa presenza de civís no Executivo derivou nunha guerra civil, na que os combatentes de múltiples grupos soberanistas e das Forzas de Defensa do Pobo, creada após a sublevación, xa foron quen de facerse co control da metade do país.