Análise

A extrema dereita avanza en Europa

Luca Chao, doutora en Ciencias Sociais, politóloga e experta en migracións internacionais, analiza para 'Nós Diario' a vitoria electoral de Giorgia Meloni en Italia.
A extrema dereita goberna xa en cinco Estados da Unión Europea, o ascenso do fascismo non rematará en Italia. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A extrema dereita goberna xa en cinco Estados da Unión Europea, o ascenso do fascismo non rematará en Italia. (Ilustración: Álex Rozados)

Finalmente, as enquisas cumpríronse e a ameaza do fascismo en Italia materializouse nun triunfo histórico do bloque das dereitas. Novidade a medias, pois a coalición que se alza coa vitoria electoral incluía vellos coñecidos. Nela agrupábanse a Liga de Salvini e a Forza Italia de Berlusconi, aos que se sumou Fratelli de Italia logrando acadar o 44% dos votos, sendo o 26% para a forza de Giorgia Meloni que a deixan con todas as papeletas para ser investida primeira ministra. Todo isto acompañado dun sistema electoral maioritario, que tratando de evitar o multipartidismo premia as coalicións electorais, o que se traducirá en que as dereitas teñan a maioría absoluta nas dúas cámaras italianas.

Farano tras unhas eleccións nas que a abstención tamén acadou niveis históricos, situándose no 36%, o que supón case nove puntos máis que nas eleccións de 2018, que foran, por aquel entón, as máis abstencionistas das decorridas en Italia.

Indagar nas causas da participación electoral, fetiche onde os haxa de quen quere facer ciencia política, é sempre complexo. Son moitas as variables endóxenas, aquelas que atinxen directamente aos individuos, como a idade, o nivel educativo, o xénero, o nivel socioeconómico, o lugar de residencia... e esóxenas, referidas a cuestións como o propio sistema electoral, o sistema de partidos, a situación económica, o panorama mediático, etc, que se teñen amosado fundamentais para entender os motivos da participación e da abstención electoral.

Sabémolo ben, o ascenso do fascismo non rematará en Italia

Neste caso, parece clara a influencia da crise política permanente italiana, o descrédito dos seus partidos e líderes, a antipolítica alimentada por unha suposta novidade como Meloni (xa fora ministra con Berlusconi), a situación de crise económica derivada da guerra de Ucraína, o esgotamento do proxecto europeo tal e como o coñecemos e, en fin, o clima de inestabilidade que está protagonizando os anos 20 do segundo milenio, onde, máis que nunca, saltan á vista as costuras dun modelo neoliberal globalizado exhausto. Ante o descontento, sempre hai quen recolle froitos, e ante a incapacidade da esquerda de levar a cabo mudanzas radicais, non é de estrañar que medre a extrema dereita disfrazada de impugnadora.

Faino en Italia, pero faino en cada vez máis países europeos. Sabémolo ben, o ascenso do fascismo non rematará en Italia. Dúas semanas antes, a extrema dereita acadara a segunda posición nos comicios suecos. En Alemaña, o ultradereitista AfD aparece nas enquisas como a primeira opción nos landers orientais. A lista continuará.

Neste intre a extrema dereita goberna xa en cinco países da UE. Fano en solitario en Polonia e Hungría e como socios minoritarios en Estonia, Letonia e Eslovaquia. Aliados inestimables da italiana, moitos apuráronse en celebrar a vitoria de Fratelli de Italia. Así, o primeiro xefe de Goberno en felicitar a Meloni foi o polaco. O húngaro fíxoo pouco despois. Dando mostras, unha vez máis, de quen son os seus principais aliados. Isto tampouco resulta novo. As alianzas de Meloni están cristalizadas na chamada familia europea conservadora e reformista, presidida por ela mesma, onde se atopan, entre moitos outros, os seus aliados preferentes de Vox (terceira forza en España, o mesmo que o partido ultra de Le Pen, en Francia).

 'Deus, patria e familia', así o recolle o partido de Meloni, un slogan que non debería enganar ninguén

Criminalizan a inmigración e os dereitos das mulleres

Trátase dunha nova dereita extrema organizada que orienta o taboleiro político constantemente, conseguindo, coa axuda dos principais medios de comunicación, o desprazamento do eixe ideolóxico cara á dereita en todos os Estados, dando visos de normalidade a posicións ideolóxicas reaccionarias que criminalizan a inmigración, os dereitos dos colectivos lgbtiq e das mulleres. Diferenzas á marxe, que as hai, máis ou menos nostálxicos dos fascismos do século pasado, todos eles comparten as súas posicións nacionalistas, identitarias, tradicionalistas e xenófobas, apelando a un pasado mítico, de suposto benestar e valores, falso.

Deus, patria e familia, así o recolle o partido de Meloni, un slogan que non debería enganar a ninguén. Catolicismo, nacionalismo excluínte, e tradicionalismo. Deste xeito, o seu programa comeza falando da crise demográfica para xustificar a necesidade de poñer trabas á interrupción dos embarazos. Trabas tamén á inmigración, chegando a propoñer o establecemento dun bloqueo naval que impida a chegada de embarcacións irregulares. Definición esencialista do que é ser muller, do seu rol na sociedade (nai e coidadora) e da que chama "familia natural" como única que cabe defender. Muller, nai, católica, insiste Meloni. Esta vez, sen saúdos romanos.

Comentarios