ETA chama a iniciar "un proceso popular" que abra camiño cara á independencia

Nun comunicado emitido polo Aberri Eguna, a organización insta aos gobernos a daren "pasos valentes e decididos" en materia penitenciaria que acaben coa dispersión e achegue @s pres@s "á casa"


Co gallo do Aberri Eguna, o Día da Patria vasca, a organización ETA fixo público un comunicado a través do diario Gara en que remarca as opcións abertas para avanzar cara o socialismo e a independencia, "superando barreiras" e "afondando nas decisións de crear ferramentas para a soberanía de Euskal Herria".

Após repasar a historia dos últimos 30 anos e remarcar a difícil situación en que os estados deixaron os territorios vascos, ETA subliña que "Euskal Herria chegou a este umbral viva e coas portas da liberade abertas" e enfatiza que os marcos políticos vixentes en Araba, Bizkaia, Gipuzkoa e Nafarroa (Estado español), así como a inexistencia dunha estrutura mínima para Lapurdi, Nafarroa Beherea e Zuberoa (Estado francés) "son realidades que deben superarse".

"Cada vez son máis os sectores que piden un cambio político e social baseado nun recoñecemento de Euskal Herria e do dereito a decidir da súa cidadanía", di a organización, apuntando cara o independentismo como "unha alternativa renovada e forte".

ETA fixa como obxectivoo recoñecemento dun Estado vasco e fai unha aposta por un proceso popular onde as decisións fiquen en mans "do pobo traballador e da cidadanía en xeral" e do cal tomen parte tamén @s pres@s e exiliad@s vasc@s. "Teñen que ficar libres", enfatiza, chamando aos gobernos a daren "pasos valentes e decididos para acelerar o proceso que os traia á casa".

Comentarios