Noite de bombardeos de Estados Unidos en Iraq e Siria
EUA lanzou esta madrugada da sexta feira ao sábado un ataque contra 85 “obxectivos estratéxicos” en Iraq e Siria.
Estados Unidos iniciou unha ofensiva militar aérea contra o que afirma que son "grupos apoiados por Irán" en Siria e Iraq tras o ataque con drons a unha base militar en Xordania que matou tres soldados estadounidenses a pasada fin de semana.
"Que todos os que poidan buscar facernos dano o saiban: se lle fas dano a un estadounidense, responderemos", dixo o presidente de Estados Unidos, Joe Biden, tras o ataque.
As autoridades dixeron que EUA está a planear accións militares durante varios días contra obxectivos en Iraq e Siria. "A nosa resposta empezou hoxe. Continuará no momento e lugares da nosa elección", asegurou o mandatario nun comunicado difundido pola Casa Branca pouco despois de que se informase de que se atacaron obxectivos da Garda Revolucionaria de Irán e grupos afíns en ambos os países fronteirizos.
Polo menos 18 membros de milicias morreron -13 deles en Siria- como consecuencia dos bombardeos estadounidenses, informaron unha fonte militar iraquí e o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos.
As forzas estadounidenses lanzaron ataques aéreos contra a Forza Quds do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (IRGC, pola súa sigla en inglés) de Irán e grupos de milicias afiliados á medianoite hora local, informou o Mando Central de Estados Unidos.