Os Estados máis ricos enriquécense coas axudas polo cambio climático aos países en desenvolvemento

Empréstitos con xuros a nivel de mercado para obter beneficios.
Persoas desprazadas en Kenya polas inundacións masivas. (Foto: Li Yahui / Europa Press / Contacto)
photo_camera Persoas desprazadas en Kenya polas inundacións masivas. (Foto: Li Yahui / Europa Press / Contacto)

O Xapón, Francia, Alemaña, os Estados Unidos e “outras nacións ricas” están a obter miles de millóns de euros por medio da suposta axuda ás nacións en vías de desenvolvemento para enfrontar as consecuencias do cambio climático, responsabilidade principalmente dos Estados con máis recursos económicos, desvelou a cuarta feira unha análise da axencia Reuters.

Como parte do compromiso neste sentido de enviar 90.000 millóns de euros anuais aos países en desenvolvemento, que non está claro que chegaran a cumprir ningún ano, pactaron case 17.000 millóns de euros en préstamos con xuros a nivel de mercado, algo que “non é a norma” para iniciativas de axuda vinculadas co quecemento global, “que xeralmente implican intereses baixos ou nulos”.

Asemade, sobre todo o Xapón, prestaron 10.000 millóns de euros coa condición de que se contratara ou compraran materiais a empresas destes países. Case 10.000 millóns en empréstitos, incluídos os proporcionados pola Unión Europea, forzan a contratar entidades deses países para efectuar os traballos ou conseguir materiais.

Comentarios