O Estado español non pedirá PCR ao turismo non vacinado da UE

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez cre que se está “mellor preparado” que hai un ano e rexeita realizar as medidas de control que fan outros países da Unión Europea.

Interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (AENA)
photo_camera Interior da terminal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (AENA)

Confianza na vacina mais sen exixir outros controis ao turismo. É a proposta do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que insistiu esta sexta feira en que a mellor maneira de facer fronte á pandemia é coordinando medidas entre estados membro á vez que descartou pedir unha PCR negativa para viaxeiros da UE que xa están vacinados, como fan outros socios.

Sánchez foi máis alá e, desde Bruxelas ao termo do Consello Europeo, pediu que "todas as decisións sexan o máis coordinadas posíbeis" posto que "o maior risco podería ser fraccionar o mercado común" descartando con iso impoñer a obrigación dunha  PCR negativa para os europeos que queiran entrar no Estado español, como si fixeron outros países como Portugal ou Italia.

O presidente do Goberno español insistiu que seguirá traballando "por que as decisións se tomen en común co resto de estados membro" e sempre en base a criterios científicos, aínda que evitou criticar abertamente aos estados membro que actuaron de forma unilateral nesta materia.

Confianza na terceira dose

Porén, incidiu en que agora os científicos o que recomendan é unha terceira dose para facer fronte á variante ómicron, aproveitando para animar á cidadanía maior de 40 anos a poñerse esta nova dose igual que xa o están facendo outros grupos de idade, cunha taxa de vacinación moi elevada.

Daquela, tamén animou ás familias con fillas e fillos entre os 5 e os 11 anos a que os vacinen, incidindo en que precisamente era neste grupo no que se estaba constatando unha maior incidencia nas últimas semanas por non estar vacinados.

Mellor que hai un ano

Alén diso, Sánchez defendeu que "estamos mellor  preparados que hai un ano para poder afrontar o Nadal", lembrando que a primeira persoa vacinada foi o 27 de decembro de 2020 e agora case o 90 % da poboación en idade de vacinación xa se inmunizou.

Iso non quere dicir, engadiu, que "teñamos que baixar a garda ou cruzarnos de brazos", insistindo en que o que vale é a ciencia, a vacinación e a máscara, así como a "máxima coordinación tanto a nivel estatal como autonómico".

"É algo obxectivo", dixo, que hai agora "mellores instrumentos e máis eficaces" e sobre esa base "temos máis garantías para poder superar a pandemia".

Comentarios