Goberno español e Bruxelas chegan a un acordo para ampliar o período de cálculo das pensións

A UE e o Goberno español chegan a un acordo polo que haberá que ampliar o período de cálculo das pensións en 2022. É esta unha condición para que o Estado español reciba diñeiro público do Plan de recuperación.
 
Von der Leyen e Sánchez coincidiron na COP-26 o pasado 30 (Foto: Borja Puig de la Bellacasa)
photo_camera Von der Leyen e Sánchez coincidiron na COP-26 o pasado 30 (Foto: Borja Puig de la Bellacasa)

Comisión Europea e Goberno español veñen de chegar a un acordo segundo o cal haberá que ampliar o período de cálculo das pensións en 2022. É esta unha condición para que o Estado español reciba diñeiro público do Plan de recuperación.

No texto de 346 páxinas, do que informou na tarde deste 10 de novembro o Executivo de Úrsula von der Leyen, recóllese o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez a pór en marcha a medida no cuarto trimestre de 2022. Así, advírtese de que é preciso “estender o cálculo dos anos” para estabelecer o importe da pensión.

O documento que estabelece a maneira en que decorrerán as xuntanzas bilaterais coa Comisión Europea e o intercambio de información para o seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia no Estado español foi asinado pola ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, e polo comisario de Economía, Paolo Gentiloni, por parte da UE. 

O documento tamén se refire á reforma laboral, que contemplaría mudanzas no seguro de desemprego para finais do próximo ano co fin de estender a súa cobertura.

O Executivo de Sánchez informou de que este acordo “permitirá solicitar nos próximos días o primeiro desembolso semestral de recursos europeos, de 10.000 millóns de euros, que se sumará aos 9.036 millóns que xa recibiu España en forma de prefinanciamento, correspondente ao cumprimento dos 52 fitos do Plan de recuperación”.

O aumento do período de cálculo das novas pensións dos 25 aos 35 anos saltou á opinión pública hai un ano, após formular a proposta o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá. Unha medida que provocou enfrontamentos entre os socios do Executivo español.

O aumento do período implica recortes

Aumentar o período de cómputo das pensións tradúcese para a maioría de traballadoras e traballadores nunha rebaixa da pensión que terían ao xubilarse. 

De feito, neses borradores que preparou a Seguridade Social en decembro de 2020 cifrábase nunha rebaixa media entre o 4,5% e o 3,9% o impacto desta medida na reforma de 2011 e calculaba que se se chegase até os 35 anos a redución sería do 6,3%.

Comentarios