Eleccións en Colombia

Petro busca mobilizar o votante que se abstivo e Hernández os partidos de dereita

Colombia elixirá o relevo do conservador Iván Duque o 19 de xuño.
Gustavo Petro e Rodolfo Hernández veranse nas urnas, agora xa sen máis rivais. (Foto: Joaquín Sarmiento / Télam)
photo_camera Gustavo Petro e Rodolfo Hernández veranse nas urnas, agora xa sen máis rivais. (Foto: Joaquín Sarmiento / Télam)

A primeira volta das eleccións deste domingo en Colombia acabou coas aspiracións das forzas políticas tradicionais do país, e corroborou a perda de influencia de Álvaro Uribe, ex presidente entre 2002 e 2010, que mantivera desde aquela un impacto decisivo a nivel electoral.

Asemade, a vitoria de Gustavo Petro (Pacto Histórico), que acadou oito millóns e medio de votos (40.32%), constitúe a primeira ocasión na que unha candidatura de esquerda lidera unhas eleccións a nivel estatal.

Na segunda volta, que decorrerá o vindeiro 19 de xuño, terá como rival na pugna para acceder á Casa de Nariño, sede da Presidencia, ao independente conservador Rodolfo Hernández (Liga de Gobernantes Anticorrupción), que deu a sorpresa ao superar a Federico Gutierrez (Equipo por Colombia), candidato apoiado polos partidos que sosteñen o actual Goberno do conservador Iván Duque, con case seis millóns de sufraxios (28,15%). Pola súa parte, Gutiérrez fíxose con arredor dun millón de votos menos (23,91%), quedando fóra da ronda final.

Malia imporse Petro na primeira volta, os medios colombianos apuntan que Hernández parte con vantaxe de cara ao balotaxe, ao recibir pouco despois de coñecerse os resultados o apoio de Gutiérrez e de candidatos minoritarios como Enrique Gómez (Movemento de Salvación Nacional), que obtivo 0,2%. Ao tempo, consideran previsíbel que John Milton Rodríguez (Colombia Justa Libres, 1,3%) tamén opte por reclamar o voto para Hernández.

O "Donald Trump colombiano"

O presidente do Congreso e senador do Partido Conservador, Juan Diego Gómez, adiantou que, nas vindeiras xornadas, farán pública de forma oficial a decisión do bloque que fixo campaña por Gutiérrez, que inclúe o Partido Liberal, o Partido da Unión da Xente, o MIRA, Centro Democrático e Cambio Radical. Hernández "paga impostos, é amigo da economía de libre mercado e poderíase dicir que é o [Donald] Trump colombiano", sinalou Gómez a El Tiempo.

O aspirante á Presidencia do país —que está presente en máis de 30 investigacións por agresións contra funcionarios públicos e irregularidades na sinatura de contratos durante o seu paso pola Alcaldía de Bucaramanga, capital do departamento de Santander— fixo unha campaña baseada nas redes sociais e na loita contra a corrupción da clase política do país por medio de declaracións polémicas, chegando no seu día a asegurar a súa admiración por Adolf Hitler, para acabar retractándose argumentando que quería referirse a Albert Einstein.

No caso de Petro, conta con dúas vías principais para conseguir os sufraxios que precisaría para converterse en presidente. A primeira, intentar achegar as e os votantes do Centro Esperanza liderado por Sergio Fajardo, que se quedou á beira dos 900.000 votos (4,2%), perdendo máis dun millón de apoios con respecto ás primarias nas que foi elixido. Porén, os medios do país matizan que é pouco probábel que se produza un transvase directo de votos, sen ter en conta que Fajardo aínda ten que facer pública a súa elección.

Así e todo, a abstención é o principal caladoiro onde a campaña de Petro procurará estes votos. A pesar do 45,09% que non acudiu ás urnas, a abstención foi a máis baixa das últimas dúas décadas.

"O Vichada? Pero iso que é? Cal é a capital?"

Un dos intres máis polémicos da campaña foi cando o candidato Rodolfo Hernández tivo que preguntar que era Vichada —un dos departamentos nos que se divide Colombia—, o que non evitou que o domingo fora quen de ser o máis votado nesa demarcación. Desde a campaña de Petro amosáronse confiados en que os debates con Hernández durante a campaña da segunda volta permitiranlles obter votos dentro do seu electorado.

Comentarios