Eslovenia únese a Polonia e Hungría no veto aos orzamentos da Unión Europea

Hungría e Polonia sumaron esta cuarta feira ao seu enroque un novo apoio –máis moral que oficial– a respecto dos seus argumentos: isto é, que a UE non ten dereito a se inmiscir nos asuntos internos dos Estados membros, aínda que estea en xogo o respecto ao estado de dereito. O que dure o pulso será o que tarde en comezar a chegar a axuda económica.
orban-jansa
photo_camera Os primeiros ministros de Hungría e Eslovenia, Viktor Orbán e Janez Jansa, en Bled o 1 de setembro (Foto: gov.si)

O primeiro ministro de Eslovenia, Janez Jansa, manifestou hoxe o seu apoio ás críticas realizadas por Polonia e Hungría a respecto dos seus motivos para vetar o orzamento da UE, que pretende vincular a partir de 2021 o desembolso de fondos co respecto ao estado de dereito e aos valores comunitarios. 

"Algúns grupos políticos están a ameazar abertamente co uso erróneo do chamado 'estado de dereito' co fin de disciplinar de maneira individual Estados membros mediante un voto maioritario", escribiu Jansa nunha carta remitida ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel, e publicada polos medios de comunicación locais.

Hungría e Polonia vetaron na segunda feira o Marco financeiro plurianual 2021-2027 e o Plan de recuperación pos-Covid (1,074 billóns do orzamento da UE e 750.000 millóns do fondo). Eslovenia non secundou entón o bloqueo, mais Jansa argumenta na misiva que "o 'estado de dereito' significa que os conflitos son resoltos por un tribunal independente e non por unha maioría política en calquera outra institución".

"Necesitamos institucións comunitarias que non se inmiszan nos conflitos políticos internos dos Estados membros", exixiu o primeiro ministro esloveno, un fiel aliado do seu homólogo húngaro, Viktor Orbán, de quen copiou a retórica antimigratoria.

Reunión en Bruxelas

A respecto da polémica, a Comisión Europea insistiu hoxe en pedir "responsabilidade" para desbloquear con rapidez o veto de Polonia e Hungría. "Necesitamos un rápido acordo en todos os elementos do paquete de recuperación da UE de 1,82 billóns para apoiar a economía real. A xente e as empresas están esperando, así que todas as partes deberían asumir as súas responsabilidades para asegurar que aprobamos o paquete de recuperación", declarou o vicepresidente económico da Comisión, Valdis Dombrovskis.

Engadiu que desde o Executivo comunitario están a traballar coa presidencia rotatoria alemá da UE e coa presidencia do Consello para atopar "posíbeis solucións", mais salientou que a Comisión continúa a considerar que tanto o paquete de recuperación como o respecto ao estado de dereito son elementos "importantes".

Pola súa banda, o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, coincidiu en sinalar que unha "rápida" entrada en vigor do fondo de recuperación é "crucial" para todos, e solicitou a todos os países "mostrar un forte sentido de responsabilidade coa súa propia cidadanía e con todos os europeos". 

Ademais, salientou que Polonia e Hungría son os dous Estados membros que recibirán a proporción máis alta de recursos do orzamento plurianual e do fondo con respecto ao seu Produto Interior Bruto (PIB). Este é un dos motivos que levan a pensar, segundo algunhas análises, que tanto o Goberno polaco como o húngaro acabarán cedendo ante a necesidade e a presión cidadá.

Apoio e oposición internos

Porén, segundo unha enquisa publicada conxuntamente polo diario polaco Dziennik Gazeta Prawna e a emisora RMF, a maioría da cidadanía polaca (57%) apoia o veto do seu Goberno. O presidente, Andrzej Duda, tamén manifestou a través do seu portavoz o apoio á decisión do Executivo do primeiro ministro, Mateusz Morawiecki.

E Michal Wojcik, líder de Solidarna Polska, aliado do partido de Goberno, Lei e Xustiza (PiS, na siglas en polaco), foi claro: "Ninguén ten que aprenderlle nada a Polonia de estado de dereito ou de democracia". Engadiu que países cunha "mala historia nos últimos cen anos", en alusión a Alemaña, non teñen lexitimidade para falar deste tema.

A oposición, porén, argumenta que o bloqueo do Goberno é consecuencia do "medo" a ser castigado financeiramente  precisamente pola súa falta de respecto polo estado de dereito. 

Tamén os líderes pos partidos da oposición en Hungría asinaron unha carta, publicada onte polos medios locais, en que denuncian que o veto "vai en contra dos intereses e expectativas lexítimos da cidadanía europea e húngara". "Viktor Orbán e o seu Goberno non son o mesmo que Hungría", afirmaron na misiva. 

Críticas ao bloqueo de Bulgaria á negociación para a entrada de Macedonia do Norte na UE

O recente Consello de Asuntos Xerais da UE tamén deixou outro veto, neste caso ás negociacións para a entrada de Macedonia do Norte no clube comunitario. Alemaña, que exerce a Presidencia de quenda, afeou que Bulgaria "faga extensivos á UE problemas que son bilaterais".

E esta cuarta feira, o relator da Eurocámara para Macedonia do Norte, o búlgaro Ilhan Kyuchyuk, e o xefe da delegación parlamentaria para este país, o austríaco Andreas Schieder, criticaron o "fracaso dos ministros de Asuntos Europeos para aprobar o marco negociador", algo que "pon en risco a credibilidade da Unión nos Balcáns".

Bulgaria mantén reticencias sobre o idioma e a identidade cultural do país veciño, xa que considera que conta cunha ampla comunidade de descendentes de eslavos e que non ten unha lingua de seu, senón que se fala un dialecto do búlgaro. A adhesión dun novo Estado require unanimidade.

Comentarios