Polonia e Hungría, unidas no veto ao orzamento da UE

Os primeiros ministros destes dous Estados membros rexeitan o acordo que vincula fondos europeos co respecto ao Estado de dereito e os valores comunitarios.
EuropaPress_3239010_handout_17_july_2020_belgium_brussels_l-r_mateusz_morawiecki_polish_prime
photo_camera Orbán, á dereita, diríxese a Orbán no Consello Europeo do mes de xullo. (Foto: Zucchi Enzo / dpa)

Os primeiros ministros de Polonia e de Hungría, Mateusz Morawiecki e Viktor Orbán, respectivamente, enviaron nas últimas horas cartas á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, incidindo no seu rexeitamento ao acordo que vincula fondos europeos co respecto ao Estado de dereito e os valores comunitarios.

Ambos os dous formalizaron con estas misivas a súa oposición a un mecanismo que non poderán vetar, porque debe ser aprobado por maioría cualificada entre as capitais, mais que poden utilizar para bloquear tanto o orzamento comunitario para os próximos sete anos como o fondo de reconstrución.

Morawiecki confirmou nas redes sociais que enviou a súa misiva a Bruxelas xa na quinta feira.

Nela comunica que o seu Goberno "non pode aceptar" o mecanismo que vincula o desembolso dos fondos europeos ao respecto do Estado de dereito porque "conduce a unha primacía de criterios políticos e arbitrarios".

"Dobre vara de medir"

Ao seu xuízo, este sistema podería derivar na aplicación dunha "dobre vara de medir" á hora de avaliar o respecto aos valores fundamentais da Unión por parte dos Estados membros. Ademais, o primeiro ministro polaco sinala que é "incompatíbel" co acordo alcanzado en xullo polos xefes de Estado e de Goberno sobre o paquete orzamentario.

Morawiecki uniuse así ás queixas que xa remitiu á Comisión Europea a pasada fin de semana o seu colega húngaro Orbán. O Executivo comunitario confirmou a recepción de ambas as cartas e limitouse a comentar que responderá "no momento oportuno".

A oposición de Budapest e Varsovia a este mecanismo podería facer descarrilar todas as negociacións das que dependen a posta en marcha non só do orzamento comunitario, senón tamén do plan de recuperación.

Comentarios