Coalición 'semáforo' para frear a 'Xamaica'

Por primeira vez en 19 anos, o SPD venceu nas xerais. Porén, o fracaso de Die Linke impide a opción dunha coalición tripartita de esquerdas cos Verdes. Agora, ademais dos ecoloxistas, os socialdemócratas precisan dos liberais, nunha negociación que promete ser longa e que até que se concrete ─non antes do Nadal─ manterá no cargo de chanceler a Angela Merkel.
EuropaPress_3964776_26_september_2021_berlin_social_democratic_party_spd_supporters_react_to
photo_camera Simpatizantes do Partido Socialdemócrata, gañador das xerais, celebran os resultados. (Foto: Bernd Von Jutrczenka / dpa)

O Partido Democrático Libre (FDP, 11,5% dos votos) non vai ceder facilmente. O seu líder, Christian Lindner, asegurou que legalizar o cannabis é case a única cousa en que poden chegar a un acordo facilmente co Partido Socialdemócrata (vencedor, 25,7%) e cos Verdes (terceiros, 14,8 %).

A alternativa á coalición "semáforo" ─polas cores de SPD, Os Verdes e FDP─ viría da outra beira do espectro ideolóxico. O candidato da Unión Demócrata Cristiá (CDU), Amir Laschet, resístete a conceder a vitoria malia ─en palabras do tabloide conservador Bilda "debacle" do domingo en Alemaña. Tamén, Paul Ziemiak, secretario xeral da CDU declarou que "as perdas sufridas polo partido non se poden pasar por alto".

En calquera caso, Laschet teima en liderar unha coalición "Xamaica", así coñecida polas cores da bandeira do país caribeño: a negra da CDU, a amarela do FDP e a verde do partido ecoloxista.

Fóra do guión está a coalición de esquerdas SPD-Verdes-Die Linke. Esta última formación, herdeira do Partido Comunista que gobernou a RDA, apenas atinxiu 4,9% dos votos. Malia que o limiar para entrar con grupo propio na Cámara baixa do Parlamento alemán é 5%, gañar en tres circunscricións directamente vaille permitir o acceso con esa porcentaxe. 

"A cidadanía decantouse polo SPD co fin de que haxa un cambio no Goberno", declarou o seu líder, Olaf Scholz. Situado na ala máis centrista da formación, o até agora vicepresidente do Goberno xa mostraba onte a preferencia pola "semáforo", segundo recolleu o progresista Süddeutsche Zeitung. A reedición da "gran coalición" (CDU-SPD) semella por agora desbotada. 

Na noite electoral, os militantes reunidos no acto da SPD apuparon cando se comentou que os números abrían esta posibilidade; e celebraron cando por momentos había opcións de sumar con Die Linke. O "semáforo" semella a única vía para frear a "Xamaica". 

Regreso ao Bundestag tras 60 anos

O partido das minorías danesa e frisoa do norte de Alemaña, a Asociación de Votantes do Sur de Schleswig (SSW, nas siglas en alemán) ausente desde 1953, regresou ao Bundestag tras obter un acta de deputado nas eleccións do domingo. Era a primeira vez desde 1961 anos que participaba nas xerais. Como partido representante dunha minoría, non está sometido á regra do limiar do 5% para lograr deputados, e só tiña que gañar suficientes votos para ter dereito a un escano, segundo o procedemento de cálculo correspondente. O SSW, forza de centro esquerda integrada na coalición Alianza Libre Europea (ALE), formou parte do Goberno do land de Schleswig-Holstein ─onde ten presenza─ con SPD e Verdes entre 2012 e 2017.

Por outra banda, as deputadas dos Verdes Tessa Ganserer e Nyke Slawik fixeron historia ao se converteren nas primeiras mulleres transexuais en gañar un asento no Bundestag. Facilitar a burocracia na ratificación oficial do cambio de sexo é unha das súas prioridades.

Comentarios