Le Pen propón un referendo sobre inmigración se é elixida presidenta

A ameaza electoral da ultradereita leva o Elíseo a posturas máis radicais e anuncia drásticos recortes nos visados a cidadáns do Magreb.
EuropaPress_3826663_04_july_2021_france_perpignan_marine_le_pen_leader_of_the_french_national
photo_camera Marine Le Pen, o pasado 4 de xullo, tras ser reelixida líder de RN (Foto: Valentine Chapuis)

Francia xa ule a eleccións. Por diante, sete meses de campaña: en abril de 2022 desenvolveranse os comicios presidenciais, cunha previsíbel reedición do duelo de 2017 na segunda volta entre o actual inquilino do Elíseo, Emmanuel Macron, e a ultradereitista Marine Le Pen. 

Aínda que o primeiro non confirmou aínda se aspirará á reelección, os seus xestos son os propios dunha carreira electoral. Na segunda feira acudiu ao Salón Internacional da Restauración, da Hostalaría e da Alimentación que se desenvolve en Lyon para prometer axudas a un sector fortemente golpeado pola pandemia. E como na campaña de 2017, cando foi vítima dunha chuvia de ovos na Feira Agrícola de París, tamén unha das persoas presentes lle lanzou un ovo ao grito de "Vive la révolution".

Horas despois chegaba outro movemento de cara a abril. Nunha entrevista en France 2, Le Pen aseguraba que en caso de ser elixida presidenta en 2022 convocaría un referendo sobre a posibilidade de estabelecer límites drásticos á inmigración.

A resposta por parte do Goberno de Macron non se fixo esperar e onte anunciaba un tamén drástico recorte no número de visados concedidos a cidadáns de Alxeria, Marrocos e Tunisia, argumentando que estes países non cooperan no proceso de deportacións. Unha "decisión drástica e inédita, mais necesaria", sinalou.

Le Pen explicou que na consulta proporía criterios estritos para entrar en territorio francés e para adquirir a nacionalidade francesa, ao tempo que daría prioridade a cidadanía propia no acceso a vivendas sociais, emprego e outros beneficios da seguridade social.

"Volta ás esencias", titulaba onte Libération. "A presidenta de Reagrupamento Nacional, que agardaba lanzar a súa campaña presidencial sobre o tema do poder adquisitivo, volve á súa antiga afección, ante os candidatos rivais que lle pisan os talóns", apuntaba o xornal parisiense.

División na ultradereita

Porque se Macron adopta medidas duras ante a ameaza de Le Pen, a propia Le Pen tamén se ve ameazada dentro do espectro da extrema dereita por un posíbel candidato puxante. Trátase do popular Eric Zemmour, xornalista e premiado ensaísta, que se define como "bonapartista" e "gaullista", e que ten un discurso islamófobo e antifeminista. 

Zemmour, que defende que "Francia ten dereito a controlar a composición da súa poboación",   considérase a si mesmo o autor orixinal da proposta de referendo: el propón que as persoas con dobre nacionalidade elixan unha ou a outra. Se non elixen a francesa, deberán abandonar Francia. 

Comentarios