En coma após verificarse que a súa sinatura visaba os papeis de Bárcenas

Álvaro Lapuerta, ex tesoureiro do Partido Popular, asinou xunto con Luis Bárcenas os manuscritos que recollen a contabilidade B do partido. 

As análises grafolóxicas dos papeis de Bárcenas seguen a tirar resultados. Neste senso, após verificar que a letra se correspondía co ex-tesoureiro do Partido Popular e que boa parte das doazóns recollidas foran realmente percibidas pola dirección do partido, a investigación confirma agora que a  sinatura que acompaña á de Luís Bárcenas é a de Álvaro Lapuerta, tamén responsábel das finanzas populares entre 1990 e 2008. 

Segundo a responsábel da peritaxe non cabe dúbida de que a sinatura corresponde a Álvaro Lapuerta, malia que este o negou inicialmente perante a Fiscalía Anticorrupción. Segundo os resultados tirados do informe pericial, os manuscritos de Bárcenas foron avalados polo responsábel das contas do Partido Popular no momento en que a cúpula do partido recibiu (sobre)soldos en negro. 

Lapuerta, que se atopa imputado no caso xunto con Bárcenas, foi achado inconsciente no seu domicilio e arestora atópase hospitalizado. Segundo informan diversos medios, o ex-responsábel de finanzas do PP tería sufrido unha caída na súa morada. Aliás, a imprensa conservadora apunta que o popular está "en estado de coma" e que a caída se tería producido o domingo de mañá. Porén, non trascenderon datos oficiais sobre o seu estado de saúde por mor, din, da Lei de Protección de Datos. 

O falecemento de Manuel Cruz, días antes da súa cita a declarar perante a Audiencia Nacional
Malia que as informacións publicadas arredor do acontecido con Lapuerta apuntan cara á un accidente doméstico chama a atención a concatenación de acontecementos naqueles casos en que persoas próximas ao Partido Popular imputadas en procesos xudiciais sofren accidentes pouco antes de prestar declaración perante a xustiza. 

Neste senso, no ano 2000 o chófer oficial de Romay Beccaría e testaferro do narcotraficante Marcial Dorado falecía após un accidente de tránsito días antes da súa cita a declarar perante a Audiencia Nacional. Manuel Cruz atopábase imputado en delito de narcotráfico e branqueo de capitais. Cruz foi administrador único da empresa J.F Oil en 1995 que anos despois pasaría a mans de Dorado a través do seu fillo. 

O pasamento de Manuel Cruz foi considerado pola imprensa afín ao Partido Popular como "estraño". O chófer estaba considerado como "unha peza chave" no organigrama do entramado empresarial do narcotraficante arousán amigo de Núñez Feijóo. 

Comentarios