EH Bildu acorda co Executivo español estender a 2025 o veto aos despexos de persoas vulnerábeis

Aprobarase a gratuidade do transporte público a persoas novas ou en paro.
Pello Otxandiano, candidato de EH Bildu aos comicios vascos. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
photo_camera Pello Otxandiano, candidato de EH Bildu aos comicios vascos. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)

A formación vasca EH Bildu fixo público hoxe que alcanzou un acordo co Goberno do Estado español para prohibir os despexos de persoas vulnerábeis até 2025, como parte do paquete de medidas sociais e laborais para minimizar o impacto da inflación que o Gabinete estenderá mañá parcialmente durante seis meses no último Consello de Ministras e Ministros do ano.

A pasada semana, a forza liderada por Arnaldo Otegi confirmou que pactou a ampliación do veto aos cortes de subministracións básicas a persoas vulnerábeis. Así e todo, sostivo que é “plenamente consciente” de que estas medidas “non son aínda suficientes” para afrontar as dificultades que padece unha parte significativa da poboación pola escalada de prezos.

Emprego

Outra das medidas que será prorrogada é a norma que obriga as empresas privadas que recibiran axudas públicas directas ou por medio dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego a devolvelas no caso de que despida as e os traballadores alegando causas como a suba do prezo da electricidade.

Na xuntanza tamén se aprobará unha extensión do bono social para o pago das facturas de electricidade ou a gratuidade do transporte público para persoas novas e desempregadas.

Novas competencias para Euskadi

Pola súa parte, Iñaki Arriola, conselleiro de Vivenda, Obras Públicas e Transportes do Goberno de Euskadi que encabeza o Partido Nacionalista Vasco (PNV), sinalou que a transferencia das competencias dos trens de proximidade está “na recta final”, adiantando que “en calquera momento” poden producirse “novas positivas”.

Á vez, fixo fincapé en que “agardamos poder ofrecer á cidadanía un mellor servizo que o que recibe actualmente”.

Comentarios