Ex parlamentario da Martinica

Edmond Mondésir: "Loitamos por unha identidade martiniquesa aberta ao resto do mundo"

Ante as eleccións do domingo en Francia, conversamos con Edmond Mondésir (Fort-de-France, Martinica, 1948), político independentista e anticolonial da illa caribeña da Martinica (territorio con status de rexión francesa), coñecido tamén pola súa militancia musical e o seu activismo pola lingua crioula. Foi parlamentario no Consello Rexional da illa (2004-2008) coa lista 'Patriotas', naquela histórica lexislatura con maioría absoluta independentista.

Mondésir é tamén membro da dirección nacional do Consello Nacional dos Comités Populares (CNCP). (Foto: Ibai Trebiño)
photo_camera Edmond Mondésir é tamén membro da dirección nacional do Consello Nacional dos Comités Populares (CNCP). (Foto: Ibai Trebiño)

—Entre  Macron e Le Pen, que posición tomou o independentismo nas eleccións presidenciais?
O noso movemento non chamou a votar nin por Macron nin por Le Pen, é a posición que temos desde hai tempo, desde o principio. Cando chegue o momento deixaremos ao pobo francés a responsabilidade de elixir o seu dirixente.

—Pero Le Pen arrasou en Martinica con case 70% dos votos fronte a Macron...
Hai 35 anos boicoteamos a chegada de Jean Marie Le Pen á illa; centos de militantes independentistas bloqueamos as pistas do aeroporto e o líder da Fronte Nacional tivo que desistir no seu intento de aterrar. Agora,  con todo, as cousas cambiaron e as circunstancias son diferentes: o voto por Le Pen foi en realidade un voto contra Macron. Xamais o teríamos imaxinado, pero a crise sanitaria creou unha conmoción en contra de  Macron.

—A respecto das eleccións lexislativas de xuño, cal é a formulación do independentismo martiniqués?
Nas eleccións lexislativas o razoamento é diferente que nas presidenciais. Neste caso, o proceso electoral permítenos ter persoas que poden levar a nosa mensaxe á Asemblea Nacional co obxectivo de poder achegar a mensaxe que corresponde ao que estimamos: a necesidade do pobo de Martinica de ir máis aló no exercicio das súas responsabilidades. Para iso temos unha alianza co MIM (Movemento Independentista Martiniqués), dentro da coalición Grande Asemblea pola Martinica.

—De 2004 a 2008 gobernaron en alianza co MIM. Que mudou co goberno independentista?
Loitamos polo pobo e para que os seus problemas sexan resoltos: precísase de achegar respostas e as principais respostas consisten no que chamamos as competencias. En Martinica o tratamento de certas cousas estaba en man de diferentes poderes: o Consello Xeral, o Consello Rexional, tamén había unha Comunidade de Comunas... Tiñamos un problema de unidade de decisión. Nese senso, traballamos e conseguimos unha única autoridade nalgúns ámbitos, por exemplo no ámbito do transporte. Cremos que ese tipo de autoridades únicas son a maneira máis racional de resolver os problemas dun pequeno país como o noso.

—Agora están na oposición. Como se expón a loita para volver ao poder?
Agora mesmo o noso principal traballo é a formación e a información, informar sobre o percorrido que realizamos, porque se hai esta situación actualmente é porque nós, o MIM, e outras organizacións, realizamos un traballo digno nos últimos 30 anos. As novas xeracións teñen forza e dinamismo, é por iso que o noso traballo consiste en informar e formar, propor proxectos e perspectivas para que esa gana de transformarse poida concretarse na mente da xente.

—Durante a pandemia a prefectura lanzou unha campaña de distanciamento social que  logo retirou por ser racista. En xeral, como foi a xestión do Goberno francés na Covid?
O Goberno de Francia aplicaba as decisións desde a Francia continental sen ter en conta a realidade martiniquesa, e iso é un gran problema; as medidas foron aplicadas sobre unha poboación que non entendía e non quería pór en marcha esas medidas. Iso creou unha crise moi grave na sociedade.

—Como entenden vostedes a independencia da Martinica?
A independencia da Martinica é unha cuestión que está escrita no destino da nosa sociedade, sobre todo desde a súa orixe. Nós non estamos nunha posición de nacionalismo  desfasado e excluínte, senón mais ben loitamos pola preservación da identidade  martiniquesa, aberta ao resto do Caribe e do mundo.

—Por que está aínda Francia na Martinica?
A presenza francesa para nada é anacrónica, é xusto o contrario; Francia ten unha gran necesidade de manterse en Martinica porque somos a súa Zona Económica Exclusiva (ZEN). Francia é o estado que ten o maior espazo marítimo do mundo, ten bases para desenvolverse, e é así como funciona unha potencia. O control xeoestratéxico do mundo é vital.

—É rechamante ver como funcionarios, mestres ou fisioterapeutas chegan desde o continente para exercer o seu traballo. Considérano unha forma de asimilación?
É un fenómeno que se dá desde sempre; os cadros de Francia están presentes en todos os pobos colonizados. É unha das características da colonización francesa e da súa política de asimilación.

—Como se observa desde Martinica o proceso de autodeterminación de Nova Caledonia?
O proceso de Kanakia é moi complexo, e moi diferente ao noso. A toma de conciencia dos  kanakos como pobo deuse moito antes que na Martinica e esa é a chave para entender o proceso de emancipación en Kanakia. No camiño á independencia, xa nos anos 80, os kanakos obrigaron o Goberno francés a unha negociación arredor da independencia. O que ocorreu foi terríbel: Francia enviou máis franceses a vivir a Nova  Caledonia co obxectivo de gañar tempo e así preparar o voto contra a independencia. A pesar de todo, valoramos de forma positiva que se puido votar. Queda unha última oportunidade, veremos que pasa.

Cronoloxía cara a independencia da Martinica

  1. Territorio francés desde 1635, o Goberno de Francia outorgaría a cidadanía francesa aos martiniqueses tras a revolución antiescravista de 1848,  principiando así a etapa do asimilacionismo.
  2. En 1946, e en pleno auxe das loitas  anticolonialistas, Martinica conseguiría o status de Departamento de Ultramar e en 1983 conseguiría tamén o status de Rexión.
  3. Martinica rexeitaría máis tarde, no referendo decorrido o 10 de xaneiro de 2010, o aumento da autonomía previsto polo artigo 74 da Constitución francesa.
  4. Con todo, nun referendo que se produciu dúas semanas despois, a illa aprobaría o seu actual status: a Colectividade Territorial Única, un status similar ao da illa de Córsega.

Comentarios