Detidas cinco persoas en Catalunya por explotación sexual de mulleres

A rede criminal realizou, presuntamente, a explotación sexual das mulleres en Catar, nos Países Baixos e en Australia, mais tamén en cidades do territorio do Estado español.
As vítimas terían sido captadas por redes sociais (Foto: Nós Diario).
photo_camera As vítimas terían sido captadas por redes sociais (Foto: Nós Diario).

A Policía do Estado español detivo cinco persoas en Catalunya por formar parte dun grupo criminal dedicado presuntamente a explotación sexual de mulleres.

A rede criminal realizou, presuntamente, a explotación sexual das mulleres en Catar, nos Países Baixos e en Australia, mais tamén en cidades do territorio do Estado español, como Eivissa, nas Illes Balears.

Segundo a investigación, captaban ás vítimas a través das redes sociais con ofertas de traballo con condicións "moi beneficiosas no ámbito da prostitución de luxo" que finalmente resultaban ser falsas, informou a Policía do Estado español nun comunicado este sábado.

As vítimas que viaxaban fóra de España eran instruídas para que
cruzasen as fronteiras simulando ser turistas, e mesmo eran inscritas en cursos de formación para que accedesen co visado de estudante.

Varias das mulleres explotadas sexualmente por esta rede mafiosa terían chegado a sufrir agresións sexuais e roubos por parte das persoas coas que serían obrigadas a manter relacións.

Tamén estarían sometidas a un férreo control físico: pois tería sido obrigadas a estar dispoñíbeis as 24 horas do día e estarían controladas a través de cámaras de vídeo vixilancia nos lugares onde serían explotadas, di a investigación, que sinala que recibirían sancións económicas se as citadas cámaras se desconectaban.

Rexistro de dous domicilios en Catalunya

A operación policial finalizou coa entrada e rexistro en dous domicilios en Catalunya, onde se interveu abundante documentación relacionada cos delitos investigados, como cadernos de contabilidade, documentación fraudulenta, axendas telefónicas, material informático e 85 gramos de haxix.

Comentarios