Denuncian a Macri por vender armas para a represión tras o golpe de Estado en Bolivia

Tras a aparición a pasada quinta feira dunha carta que confirma a venda ilegal de armas e municións á Bolivia, o Goberno arxentino denuncia o ex presidente Mauricio Macri por colaborar coa represión posterior o golpe de Estado contra Evo Morales en 2019.
Mauricio Macri nun acto en Madrid a semana pasada. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Mauricio Macri nun acto en Madrid a semana pasada. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ex presidente de Arxentina Mauricio Macri foi denunciado polo Goberno austral na tarde da segunda feira (hora arxentina) por contrabando agravado e tráfico ilícito de armas de fogo e municións ás Forzas Armadas de Bolivia durante o golpe de Estado contra Evo Morales en 2019, segundo confirmou o actual presidente, Alberto Fernández.

A ministra de Seguridade de Arxentina, Sabina Frederic, confirmou que ademais de Macri, presidente entre 2015 e 2019, tamén foron denunciadas Patricia Bullrich, Jorge Faurie e Óscar Aguad, que formaban parte do seu gabinete.

A denuncia está asinada polo Ministerio dirixido por Frederic, polo titular do Ministerio de Xustiza e Dereitos Humanos, e pola Administración Federal de Ingresos Públicos.

Frederic explicou á medios arxentinos que tres xendarmes foron pasados a retiro, e que as persoas implicadas encabezadas por Macri fixeron posíbel “este desvío do material anti tumulto, sobre todo o que aparece mencionado no agradecemento da carta”.

A carta a que se refire foi publicada a pasada quinta feira polo ministro de Relacións Exteriores de Bolivia, Rogelio Mayta. A misiva, datada o 13 de novembro de 2019, está escrita polo daquela comandante xeral da Forza Aérea boliviana, o xeneral Jorge Gonzalo Terceros Lara, que agradece e confirma á embaixada arxentina na Paz a entrega de 40.000 cartuchos para armas anti motíns, 23 difusores de gases lacrimóxenos e 71 granadas de gas para dispersar multitudes.

Un día antes, o 12 de novembro, Jeanine Áñéz autoproclamárase nunha sesión sen quórum da Asemblea Lexislativa Plurinacional de Bolivia como presidenta de facto do Executivo boliviano.

Acusada de sedición, autoría de golpe de Estado e violación da Constitución, así como da represión das mobilización contra o golpe nas vilas de Sacaba e Senkata, que deixaron 27 persoas mortas por disparos de bala, Áñez permanece en prisión preventiva nunha cárcere da capital de Bolivia.

Pouco despois de coñecerse esta información, o presidente arxentino apuntou á Radio 10 que o feito de que o Goberno liderado por Macri “acepte rupturas internacionais noutros países e colabore cos que reprimen para favorecer o golpe, é dunha gravidade enorme”.

Xa o domingo, o ministro de Xustiza e Dereitos Humanos, Martín Soria, adiantara que traballaban “sobre unha denuncia con distintos organismos do Estado, porque tamén violaron tratados e convenios”. 

Comentarios