sábado 04.04.2020

"O pago da débeda de Macri xera unha economía incerta na Arxentina"

A auditoría da débeda e a recuperación de dereitos sociais, coa volta ao poder do  kitchnerismo e a fin da etapa neoliberal de Mauricio Macri, son algunhas das urxencias da Arxentina que sinala Adolfo  Aguirre, secretario de Internacional da Central de Traballadores da Arxentina (CTA), na súa visita á Galiza. 
Fernando Aguirre (Imaxe: Nós Diario)
Fernando Aguirre (Imaxe: Nós Diario)

-Como valora a situación económica da Arxentina?

O nivel de desastre financeiro e económico que deixou Mauricio Macri ten unha dimensión maior do que imaxinabamos. Nós, como central de traballadores, o que formulamos é non pagar débeda sen auditar porque o nivel de compromisos aos que someteu Macri o Estado e varias provincias para os vindeiros anos deixa unha economía incerta se non renegociamos a débeda. Macri deixou o Goberno atado de pés e mans. 

En termos sociais, o máis urxente a atallar é o nivel de pobreza e de marxinalidade ao que chegou un número importante de poboación, polo que nós adherímonos á liña do Goberno actual no que ten a ver con pór como prioridade a fin da fame. Mais isto está tamén relacionado coa renegociación do pago da débeda externa. 

O máis urxente a atallar é o nivel de pobreza e de marxinalidade ao que chegou un número importante de poboación

O Fondo Monetario Internacional (FMI) excedeuse dos parámetros normais que debera ter, prestou máis do que debera e moito dese préstamo ou ben se fugou o ben nunca chegou. Así que estamos pagando algo que nunca tivemos, o que nos sitúa, por tanto, ante unha débeda fraudulenta, e xa sabemos o que pasa con ela: que a paga o pobo e a clase traballadora. 

-Quen saíu beneficiado?

O FMI preferiu ignorar que a Arxentina non podía chegar a eses niveis de endebedamento e fixo empréstitos ao grupo especulador que estaba no Goberno para favorecer grandes corporacións e un grupo de bandidos que tiñan información privilexiada que lles valeu para xogar á bicicleta financeira coa compra venda de dólar. 

-Como reverter a situación?

Ademais de exixir a auditoría da débeda, demandamos impulsar a economía de pequena escala, as pequenas construcións, reparacións e adecuacións dos edificios comunitarios e resolver o conflito que temos co Brasil, que é onde está o principal comercio da Arxentina.

Hai que xerar paz máis alá das diferenzas que temos con Bolsonaro e reactivar no noso país a economía interna, ao tempo que se garantan os postos de traballo cun acordo nacional con sindicatos, empresariado e Goberno de cara a frear o actual tobogán de despedimentos e de peches de empresas. 

-Cales son as exixencias principais en dereitos sociolaborais?

Precisamos un aumento salarial que nos achegue aos niveis de infracción que se produciron no país, e que superaron taxas anuais de 45%. A suba dos soldos sería unha inxección moi importante na economía do país. 

A prioridade no campo dos dereitos é traballar para modificar a lexislación laboral e expandir a organización traballadora, a liberdade e a democracia sindical

A outra prioridade no campo dos dereitos é traballar para modificar a lexislación laboral e expandir a organización traballadora, a liberdade e a democracia sindical. Houbo retrocesos cos últimos Gobernos e deuse unha gran conivencia entre sindicatos e patronal, prexudicando moito os dereitos. Con esa conivencia precarízase, despídese a quen pensa diferente e obstaculízase a acción das organizacións de traballadores. É máis fácil nalgunhas empresas e rexións do país ser candidato a presidente que a delegado sindical. 

-Ten esperanza no Goberno arxentino de Alberto Fernández?

Sentímonos protagonistas da derrota de Macri, porque a penas el acceder á Presidencia, nós xa estivemos na rúa resistindo e cuestionando o modelo económico e social que formulou o seu Goberno. Sentímonos protagonistas tamén porque a intención de Macri pasaba pola súa reelección para despois alternar a Presidencia coa que era a gobernadora da provincia de Bos Aires, María Eugenia Vidal, o que conformaba un plan de Goberno de 12 anos como mínimo, oito el e catro máis Vidal.

O plan Macri e Vidal consistía en desmantelar gran parte do Estado

Para nós, traballadoras e traballadores, resultou un alivio frealos, porque o plan Macri e Vidal consistía en desmantelar gran parte do Estado, acabar cos adiantos científicos, coa investigación e innovación, desmantelar áreas estratéxicas e reducir o noso rol na xeopolítica para sermos un país abastecedor de materia prima a base de desmontar a nosa matriz industrial.

Por outro lado, consideramos o Goberno de Alberto Fernández como un Executivo capaz de entrar nunha etapa de dereitos progresivos, fronte a etapa regresiva anterior. Cremos que pode haber diálogo para atoparmos solucións para as e os traballadores, para os temas máis urxentes como a fame, sen perdermos a nosa autonomía como central sindical. 

A prioridade pasa pois por dialogar e buscar saídas xustas para fortalecer dereitos e tamén para que o Estado xogue un papel que non sexa de aplicar axustes e de ser garante da economía extractivista, senón que sexa un Estado actor do desenvolvemento sustentábel da economía arxentina.

-Que papel debe ter o sindicalismo?

É principal mantermos a solidariedade en todos os lugares onde se resiste. Nós tivemos apoio cando nos mobilizamos con folgas ante o Goberno Macri, e nós agora tamén somos solidarias con Chile na loita por unha nova Constitución. Na Arxentina acollemos Evo Morales e pelexamos para que non volvan os golpes de Estado. Colaboramos para que as eleccións en Bolivia sexan democráticas, decida o pobo e non a Organización de Estados Americanos nin os militares.  

É principal mantermos a solidariedade en todos os lugares onde se resiste

Vemos un Brasil onde o Partido dos Trabalhadores non foi eliminado e que con Lula colle forza para, a través do voto e a mobilización, dar un xiro. Espero que a onda de indignación acumulada e que demanda respostas para as necesidades dos pobos sirva para frear os golpes, salvar a democracia, frear as transnacionais que destrúen todo, e que os pobos teñamos dereito a decidir, a traballar e a desenvolvernos. 

comentarios