O partido de Evo Morales recolle os maiores apoios

Áñez retírase da carreira electoral polos malos datos que desvelan as enquisas

A autoproclamada presidenta de Bolivia, Jeanine Áñez, anunciou onte a súa retirada da carreira electoral coa intención de acadar a unidade conservadora contra o MAS (Movemento Ao Socialismo), do ex presidente progresista Evo Morales. 
EuropaPress_3325055_presidenta_interina_bolivia_jeanine_anez
photo_camera Jeanine Áñez no anunción da súa retirada. / E. P.

“Se non nos unimos, volve Morales", asegurou Áñez ao día seguinte de que a maior enquisa de intención e voto, feita até o momento, a situase no cuarto lugar, con tan só un 10% do apoio, 30 puntos por debaixo de Luis Arce, o candidato do MAS,.

“Deixo de lado a miña candidatura en homenaxe á liberdade e á democracia”, dixo a autoproclamada presidenta, que engadiu, “fágoo ante o risco de que se divida o voto de Bolivia”.

Aínda así, Jeanine Áñez non referiu publicamente o seu apoio ao candidato conservador que, segundo os resultados das enquisas, ten un maior respaldo do electorado boliviano, Carlos Mesa.

A súa mala xestión na loita contra a Covid-19, a crise económica que atravesa o país e os diversos escándalos de corrupción, que afectaron a varias das súas principais persoas colaboradoras, e que se investigan agora, ademais do golpe de Estado que protagonizou, poden estar detrás da súa baixa valoración por parte do electorado. Feito tamén influído pola anulación, días atrás, da candidatura  de Morales ao Senado.

A presidenta boliviana lanzárase á carreira electoral en xaneiro, e rompía así a súa promesa de non ser candidata para concentrarse no que ela e o seu partido, Demócratas, deron en chamar "transición" e que se iniciaba coa autoproclamación do 12 de novembro de 2019, ao derrocar o presidente Evo Morales.

A este último, referiuse en multitude de ocasións como "ditador" e "tirano" e chegou a interporlle seis xuízos, cando xa o ex mandatario estaba exiliado na Arxentina.

Comentarios