Estíbaliz Taboas, cooperante galega: "Deixaron á súa sorte as comunidades indíxenas"

América Latina estase a converter no novo foco da pandemia. O Ecuador, malia ser un dos países menos poboados da rexión, suma case 40.000 contaxios e ten a maior proporción de mortes. A COVID-19, ademais, vénse a sumar á inestabilidade existente despois das fortes mobilizacións en outubro pasado contra o Goberno.
2020052915012915520
photo_camera Táboas lidera un proxecto de desenvolvemento rural de catro anos (Tania Macera)

Estíbaliz Táboas Pazos (Vigo, 1982) é cooperante de Mans Unidas, organización membro da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Desde hai máis de cinco anos reside no Ecuador, onde dirixe un programa ─co apoio da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid)─ en colaboración coa fundación local Maquita, especializada en desenvolvemento rural.

De catro anos de duración, o proxecto céntrase en traballar coas organizacións campesiñas en temas de produción agroecolóxica, economía social e solidaria, comercio xusto e consumo responsábel. "Tratamos de promover transaccións máis xustas entre o campo e a cidade, interactuando con Gobernos locais, universidades e outros organismos. Outra economía en condicións máis xustas para o campesiñado", explica.

Como se está a vivir a epidemia da COVID-19 no Ecuador?

Con terror. Especialmente na provincia de Guayas e na cidade de Guayaquil. Xente morrendo nas rúas, ás portas dos hospitais. Morrendo na casa sen atención médica, con cadáveres que durante días non se retiraban. É unha situación de colapso dos sistemas sanitario e funerario. Tamén foi complexo recuperar cadáveres das morgues, cun procedemento pouco claro e corrupto, onde se pedía diñeiro para podelos recoller. 

Cales son os datos?

O país leva en confinamento desde o 17 de marzo. É dos países máis pequenos da rexión, con 17 millóns de habitantes, mais a cifra de contaxios e mortes é moi elevada. O propio Goberno chegou a dicir que a realidade desbordaba as cifras. Non se están a facer suficientes probas, hai falta de material... e hai medo de ser contaxiado nun centro de saúde. En Guayaquil, por exemplo, o promedio de mortes antes da pandemia era de 2.000 ao mes, e neste período desde mediados de marzo até agora rexistráronse 17.000, cando se fala duns 5.000 falecementos pola COVID-19 en todo o país. É evidente que desborda os datos que se están a comunicar oficialmente.

A tendencia actual é positiva ou negativa?

Na capital, Quito, que é onde eu vivo, están a aumentar estes días o número de contaxios e de mortes. Ademais, a situación volveuse socialmente insostíbel como consecuencia do confinamento. Nun país onde a maior parte da poboación se dedica á economía informal e non ten un salario asegurado para garantir condicións mínimas de vida, depende de poder saír á rúa vender ou prestar algún servizo. Buscar a vida como poden. Logo, a medida que avanzan as semanas, cada vez máis xente sae. Por pura necesidade.

A nivel país a preocupación está agora en Quito por este motivo. Se ben as cifras de contaxios e mortes non son escandalosas, si que houbo un incremento acelerado nos últimos días. Hai unha forte presión por parte do empresariado para que se comecen a levantar as restricións e se reactive a economía. E socialmente a xente está a saír ás rúas, mais sen garantías de que a epidemia non se dispare.

Como funciona a sanidade?

Hai un sistema sanitario público, que na década pasada se reforzara, mais que nos últimos tempos está a ser sistematicamente recortado. Precarizado. E despois o que se revelou de maneira brutal foron os casos de corrupción. É un mal que mata no país a diario, e agora coa epidemia maniféstase nas compras de material médico a prezos moi por riba do seu valor real. O sistema é moitísimo máis precario do que podemos ter na Galiza, con menor capacidade de resposta e de atención.  E ademais hai grandes desigualdades a nivel territorial: non é o mesmo Quito,  que pode ter certa capacidade de resposta, que o que pasa noutros territorios máis rurais ou con condicións de acceso complexas como pode ser a Amazonía...

Como é a situación alí?

A xente está á súa sorte. As comunidades indíxenas, ante a falla de resposta institucional, optaron por autoillarse e bloquear todos os accesos ás súas comunidades. Optaron pola autoprotección, por coidarse entres os seus membros, garantir a alimentación grazas ao que cultivan. 

E a nivel sanitario?

Nalgúns casos teñen unha serie de centros de saúde de atención primaria, mais moi limitados. Por exemplo, contan cun "médico rural" ─que é como lle chaman─ que habitualmente é un estudante de medicina que fai as súas primeiras prácticas. Tampouco teñen bens como osíxeno, cando os problemas respiratorios son unha das principais causas de morte nestas comunidades. Lugares en moitos casos inaccesíbeis por terra, polo que cómpre unha lancha ou unha avioneta para acceder. Hai numerosos casos de morte infantil asociados a problemas respiratorios que poderían ser evitados contando con botellas de osíxeno, e non ter que facer un desprazamento que é complexo, caro e pouco eficiente.

Como se presenta o futuro?

A pandemia súmase ─ou agrava─ unha situación política e socioeconómica tensa que xa estaba a vivir o país. Vimos de mobilizacións [en outubro, contra o Goberno de Lenín Moreno pola suba do prezo dos carburantes] con moitas persoas mortas, feridas e detidas, que mostrou a inestabilidade do sistema e do Estado. E agora toda a resposta que se está a dar a esta crise é con fortes medidas de corte neoliberal, respondendo a intereses externos ditados por organismos internacionais como o FMI (Fondo Monetario Internacional) que significan maior precarización: privatizacións, despedimentos, feche de institucións públicas, fin a subsidios como o do combustíbel ─que aquí foi unha conquista histórica─, recorte de dereitos laborais... 

Aínda que hai medo, cada día que pasa hai máis e maiores mobilizacións nas rúas do estudantado, de indíxenas, de profesionais, porque se está a aproveitar esta emerxencia para tomar medidas máis drásticas.

Comentarios