'REVOLUCIÓN DOS 'ZÁNGANOS'

“Moreno terá que negociar coa Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador se quere continuar como presidente”

Roberto Mansilla, analista do IGADI e experto na política en Latinoamérica, cre que “a precariedade da estabilidade política” ecuatoriana fai “impredicíbel” o desenlace do conflito.

conaie-asemblea-ecuador
photo_camera [Imaxe: CONAIE] Manifestantes detidos na Asemblea Nacional do Ecuador

O presidente do Ecuador, Lenín Moreno, decretou na última hora desta pasada terza feira (madrugada na Galiza) un toque de queda nocturno e parcial en todo o territorio do país, horas despois de que numerosos manifestantes indíxenas irrompesen no Parlamento. O grupo accedeu ao edificio da Asemblea Nacional con berros de “Fóra, Moreno, fóra!”, logo de botar abaixo o valado de seguridade. Segundo informou a emisora de radio La Calle, un grupo de dirixentes chegou até onde se atopaban as forzas de seguridade, que posteriormente recuperaron o control do recinto. Algunhas fontes citadas pola CONAIE falan de 63 persoas detidas.

Este é o penúltimo capítulo da grave crise no país suramericano que estourou o pasado 1 de outubro co anuncio por parte de Moreno dunha serie de medidas destinadas a recortar o gasto público, entre estas, a retirada de subsidios para a compra de combustíbel e a redución dos ingresos para o funcionariado. A iniciativa gobernamental responde ás esixencias do FMI (redución do gasto público, incremento de ingresos e reforma laboral) logo de abrir unha liña de axudas económicas ao Ecuador por un importe de 10.200 millóns de dólares.

Influencia da CONAIE

Roberto Mansilla, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e experto na política en Latinoamérica considera que hai “varias claves, non só unha” para explicar o conflito actual. “Todo se inicia co paquetazo (tal e como se coñecen popularmente ás últimas medidas de recortes)”, sinala Mansilla, e agrávase debido a “gran capacidade de mobilización e de presión política que ten a CONAIE (Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador)”.

O analista do Igadi considera que a tensión vén de atrás. Por unha banda, di, “está a rivalidade política entre presidentes (o actual, Moreno, e o seu predecesor, Rafael Correa), outrora aliados”; pola outra, “a dinámica interna no Ecuador, marcada polo cambio de rumbo por parte de Moreno respecto as políticas de Correa”. “Isto levou a unha caída de popularidade de Moreno, á tensión con sectores sindicais e ecoloxistas, e á rotura con Alianza País (o movemento político de esquerda detrás do proceso Revolución Cidadá -tal e como se autodenominou o período 2007-2017 en que Correa gobernou o país-)”, explica Roberto Mansilla.

Venezuela

Ao respecto das insinuacións por parte de Moreno da implicación do Goberno de Venezuela nas mobilizacións, Mansilla cre que “sexan fundadas ou infundadas, cun alto militar ao lado, estas declaracións hainas que facer tendo probas contundentes”. En calquera caso, considera que entran dentro do panorama actual do Ecuador tras a súa saída do ALBA (Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América) e o seu achegamento ao Grupo de Lima, belixerante co Goberno do presidente venezolano, Nicolás Maduro.

Tamén salienta que “Ecuador é un país cun numeroso grupo de inmigrantes venezuelanos, en total 300 mil” e encadra nesta realidade a “declaración asertiva” de Moreno ao respecto de Venezuela.

Saída

Mansilla non se aventura a prognosticar o desenlace desta crise, que cualifica de “impredicíbel”, aínda que se inclina por que “Moreno terá que negociar coa Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador para atopar unha saída e manterse no cargo”. “As experiencias anteriores indican que de non ser así, caerá”, di, e engade que “desde 1997, con Abdalá Bucaram, caeron nove presidentes en Ecuador, un país onde a estabilidade política é precaria”.

Comentarios