Todo indica que o fará coas súas siglas

CUP decide concorrer ao 21-D cunha "candidatura rupturista, independentista e de esquerdas"

Resolvido o debate no seo da organización independentista e anti-capitalista: a CUP si se vai apresentar ás eleccións 'ilexítimas' do 21-D -ilexítimas por seren convocadas desde Madrid- e vaino facer cunha "candidatura rupturista, independentista e de esquerdas".

Asemblea Nacional extraordinaria CUP 12 de novembro de 2017
photo_camera Un aspecto da asemblea nacional extraordinaria

A Candidatura d'Unitat Popular (CUP) reuniuse este domingo en Asemblea Nacional Extraordinaria en Granollers para decidir que facer perante unhas eleccións que a propia organización tilda de "ilexítimas". No conclave tomaron parte 1.200 militantes.

A primeira cuestión a decidir era se a CUP estaría ou non nos comicios. Resolveuse cun amplísimo apoio das bases á opción de concorrer o 21D. Votaron si a estar nas eleccións 91,63 por cento das persoas participantes na asemblea, en tanto que 7,83 se posicionaron encontra. Apenas houbo votos en branco (0,36 por cento) e nulos (0,18).

A seguir, esclarecido que a formación anti-capitalista si iría estar o 21-D, a asemblea debía pronunciarse sobre o formato desa concorrencia. A militancia elixiu entre tres opcións: a) unha lista cidadá de país, sen país; b) unha coligazón o máis ampla posíbel en defensa da República e a liberdade dos presos políticos; c) liderar unha candidatura o máis ampla posíbel, rupturista, independentista e de esquerdas.

A opción c) foi claramente a máis votada, co 64,05 por cento dos apoios, face 21,72 por cento para a opción Bg e 12,59 para a C. Os votos brancos foron 1,28 por cento e os nulos, 0,36 por cento.

Aínda que a opción c) votada polas súas bases non o indicaba explicitamente, todo indica que a formación vaise apresentar ás eleccións coas siglas coas que xa concorreu en setembro de 2015, isto é, CUP-Crida Constituent.

Comentarios