venres 24/09/21

A CUP confía nun referendo unilateral ao final do diálogo

Malia a desconxelación das relacións entre Catalunya e o Estado español pola que apostan ambos os dous presidentes, a CUP agarda que a mesa de diálogo remate antes de prazo e expresa a necesidade de organizar un referendo unilateral como "ferramenta" para a confrontación co Estado.
A deputada da CUP no Parlament de Catalunya, Laia Estrada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A deputada da CUP no Parlament de Catalunya, Laia Estrada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

“Cando cheguemos ao punto de que Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) dea por rematada a mesa de diálogo entre Generalitat e Goberno, o que ten que suceder é que discorra un referendo, unilateral, loxicamente”, sostivo esta sexta feira Laia Estrada, deputada da Candidatura d’Unitat Popular (CUP) no Parlamento catalán.

A mesa de diálogo bilateral entre o Estado español e Catalunya é máis ben un “monólogo”, incidiu Estrada, que salientou a falta de credibilidade destas conversas, por mor de que aínda que o diálogo segue a ser “desexábel”, non é posíbel co Goberno estatal nas condicións actuais.

“Non ten sentido lavar a cara ao Executivo español”, apuntou a deputada, que reclamou que o independentismo aprenda dos seus erros, mais respectando a aposta de ERC, e agardando que, no prazo de dous anos da mesa de diálogo, se tivese “extraído algo”. Asemade, amosouse confiada en que ERC porá punto e final á mesa de diálogo antes dos 24 meses marcados.

Amais, recorda que se comprometeron a que esta cuestión non condicione o apoio ao Govern, “se queren reunirse cada dous ou tres meses, adiante. O problema non é ese, é que nesta mesa non se fala do que se ten que falar”, destacou Estrada.

Nos vindeiros anos, tense que dar prioridade ao proceso de acumulación de forzas dentro do espazo independentista, coa perspectiva de que, unha vez que a mesa de diálogo finalice, “xa se teña o traballo feito e non se parta de cero”, recomenda a cargo público da CUP.

Afganistán só é o "fracaso do capitalismo global", sostén Estrada

A deputada da CUP no Parlament, Laia Estrada, lembrou esta sexta feira que “os talibán, de feito, colleron poder porque foron armados grazas aos Estados Unidos, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), e a Unión Europea (UE)”. Nesta liña, cualificou de “hipócrita” a tentativa actual de Estados e institucións de “negociar agora”, debido a que “xa o fixeron cando lles interesou, na revolución de 1978”.

Retrucando a Josep Borrell, alto representante da UE para Política Exterior, que defendeu que o éxito talibán era un fracaso do mundo occidental, Estrada afirmou que é o "fracaso do capitalismo occidental". Hoxe, aterrou en Madrid o segundo avión procedente de Kabul (Afganistán), con parada en Dubai (Emiratos Árabes Unidos), con 110 persoas no seu interior.

Festas en Barcelona sen toque de recoller

Na primeira noite despois de que o Tribunal Superior catalán anulara o toque de recoller en todo o territorio, agás en 19 concellos, multiplicáronse as festas en Barcelona, que remataron con máis de 4.000 persoas desaloxadas por reunións masivas sen cumprir coas medidas de seguridade pola pandemia.

A metade destas persoas concentrábase nas rúas do barrio de Gràcia, que vive nestes días unha das festas máis coñecidas da cidade.

comentarios