Primeiras restricións no Estado co aumento de casos de Covid-19

O aumento dos casos de Covid-19 desde a flexibilización das restricións, unido ao avance da variante Delta, prende todas as alarmas nas autonomías do Estado español, que comezan a impor as primeiras medidas para frear a suba dos contaxios, mentres a Organización Mundial da Saúde advirte á Europa da quinta vaga.
Locais de hostalaría a noite do sábado ao domingo en Santander (Cantabria). (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
photo_camera Locais de hostalaría a noite do sábado ao domingo en Santander (Cantabria). (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)

A finais da semana pasada a Organización Mundial da Saúde (OMS) advertía da inminencia dunha quinta vaga da Covid-19 no continente europeo, onde o aumento dos casos e a expansión da variante Delta desde o levantamento de boa parte das restricións prenderon todas as alarmas.

“Haberá unha nova onda en Europa a menos que sexamos disciplinados, máis aínda cando hai menos regras. É necesario que todas e todos nos vacinemos sen dubidalo cando sexa a nosa quenda”, afirmou Hans Kluge, director continental da OMS.

No Estado español, a incidencia actual sitúase nos 226 casos por 100.000 habitantes, cando o limiar marcado pola OMS para o control da pandemia é de 100 casos neste rango de poboación. Estes datos supoñen un aumento do 144% con respecto á tendencia que se viña mantendo nas últimas semanas.

Ademais, a incidencia en determinados grupos de idade continua expandíndose de maneira exponencial, cunha incidencia de 717 casos por cada 100.000 habitantes na franxa dos 20 aos 29 anos, e de 653 entre as persoas con idades dos 12 aos 19 anos.

Nos últimos sete días detectáronse 80.879 casos (160% máis que a semana anterior) e notificáronse 123 mortes, 12% máis, co que as persoas falecidas ascenden a 80.952. A media de idade dos casos é de 48 anos.

Esta situación levou algúns territorios a retomar algunhas das restricións que recentemente foras suspendidas. En Catalunya, esta fin de semana o ocio nocturno en espazos fechados fica suspendido até novo aviso, impoñendo restricións nos eventos que decorran ao aire libre.

Ademais de Catalunya, só Cantabria aplica restricións no sector do ocio nocturno. Nos 36 concellos que se sitúan no nivel dous, de risco medio, terán que fechar todos os locais de ocio nocturno.

Euskadi tamén anunciou as primeiras medidas e hoxe entra en vigor a prohibición dos botellóns e das “non festas”, as actividades lúdicas que se desenvolvían coas restricións propias da Covid-19 arredor dun acontecemento festivo.

Esténdense as limitacións da hostalaría polos territorios

A estratexia que están a seguir outros territorios é comezar a limitar os horarios e capacidades da hostalaría. En Nafarroa, desde esta cuarta feira discotecas e bares especiais terán que adiantar a súa hora de fechamento á 1 da mañá. No caso de Aragón o feche terá que ser ás 00.30 nestes locais e ás 23 no resto da hostalaría. Ademais da redución da capacidade ao 50%, limítanse as xuntanzas sociais a dez persoas.

Pola súa banda, Balears restrinxiu a capacidade de bares e restaurantes en dous concellos, Magaluf na illa de Mallorca e Sant Antoni de Pontmany en Eivissa. A maioría dos territorios mantéñense á expectativa da evolución da situación, mais con algunhas solicitudes de autorizacións para a aplicación de medidas máis estritas, como no caso de Castela e León, onde se pediu o toque de recoller.

Comentarios