Alxeria ameaza con cortar o subministro de gas tras o achegamento do Goberno español a Marrocos

O Executivo arxelino advirte que deixará de subministrar gas ao Estado español se deriva parte del a Marrocos, logo de que o Goberno de Sánchez prometese "axuda enerxética" a este país e aceptase como "a mellor solución" a proposta marroquí de "autonomía" para o Sahara Occidental, unha cuestión que provocou fondo malestar en Alxer.
Pedro Sánchez, nunha visita a Alxeria en 2020. (Foto: Pool / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, nunha visita a Alxeria en 2020. (Foto: Pool / Europa Press)

O Ministerio de Enerxía alxerino advertiu na cuarta feira ao Goberno estatal de que rachará o contrato de subministración de gas ao Estado se parte do que lle envía é "derivado a outro destino", en referencia a Marrocos, logo de que o presidente español, Pedro Sánchez, se comprometese a reabrir o gasoduto do Magreb, polo que Alxeria enviaba gas a Europa a través deste outro país e que fechou o pasado novembro.

Nun comunicado, o ministro de Enerxía, Mohamed Arkab, deixou claro que se parte do gas natural enviado por Alxeria a España ten un "destino que non é o previsto nos contratos" considerarase como "un incumprimento dos compromisos contractuais e, por conseguinte, podería desembocar na ruptura do contrato que vencella Sonatrach [compañía gasista alxerina] cos seus clientes españois".

A ministra española para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, dirixiuse na cuarta feira ao Goberno alxerino para notificar a Arkab que a activación do fluxo inverso do gasoduto magrebí será "hoxe mesmo [pola cuarta] ou mañá [por esta quinta feira]". Desde o departamento que dirixe Ribera xustificaron que desta cuestión veñen falando "durante os últimos meses" e recalcaron que "en ningún caso o gas adquirido por Marrocos terá procedencia alxerina".

Axuda enerxética a Marrocos

Como xa fixera o pasado febreiro, cando se anunciou a intención de brindar apoio a Marrocos en materia enerxética, o Goberno estatal defendeu, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que Marrocos pediu apoio para garantir a súa seguridade enerxética e "España respondeu positivamente á súa petición, como corresponde facer con calquera outro socio ou veciño".

En concreto, o que pretende Pedro Sánchez é que Marrocos adquira gas natural licuado nos mercados internacionais para desembarcalo nalgunha planta de regasificación no Estado español e logo envialo a territorio marroquí a través do gasoduto do Magreb.

Crise entre Alxeria e Marrocos

Cómpre lembrar que Alxer rompeu relacións diplomáticas con Rabat o pasado agosto e en novembro procedeu ao fechamento dese gasoduto. Marrocos, alén de perder os 'dereitos de paso' millonarios que ingresaba polo tráfico do gas, viu perigar o seu propio abastecemento enerxético, en especial para os dous ciclos combinados de Tahaddart e de Ain Beni Mathar, que cobren arredor de 10% da produción de electricidade do país.

A histórica crise entre Marrocos e Alxeria intensificouse no verán por mor do achegamento do Goberno marroquí ao Estado de Israel e da recrudescencia da ofensiva de Rabat sobre o Sahara Occidental. A este respecto, o pasado mes Pedro Sánchez deu o seu apoio explícito a Marrocos no que atinxe ao futuro deste territorio que Rabat insiste en dominar baixo un marco autonómico.

A pasada semana Alxer pediu "aclaracións previas e francas" por parte do Goberno español antes de enviar de volta o seu embaixador, xa que a confianza foi danada polo respaldo español ao plan marroquí, que Alxeria, como principal valedor da Fronte Polisario, considera unha traizón aos saharauís.

E esta fin de semana o presidente do país, Abdelmayid Tebune, asegurou que "o que fixo España é inaceptábel, ética e historicamente" e mostrouse especialmente crítico con Sánchez, a quen responsabilizou da actual situación. "O presidente do Goberno rachouno todo, non España", afirmou.

Con todo, o mandatario alxerino asegurou que o seu país cumpriría co seu compromiso de subministración de gas ao Estado español, logo de que a empresa estatal Sonatrach dese aviso de que se poderían subir os prezos, algo que se está a negociar coas empresas españolas. A reacción do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, ás palabras de Tebune provocou un novo cruzamento de acusacións. "Non quero alimentar polémicas estériles", dixo ao ser preguntado ao respecto nunha entrevista radiofónica, pasando a continuación a resaltar que o presidente alxerino deixara claro que a subministración de gas ao Estado está "garantida".

Comentarios