Convergència deixará de ser tal para se converter nun novo partido. Así o decidiu o 67% da militancia que participou na asemblea que tivo lugar o sábado, fronte ao 32% que apostou na renovación. Participaron, segundo dados de CDC, 14.000 persoas, das que arredor de 5.000 eran simpatizantes.
A creación dunha nova formación era a opción defendida polos dirixentes. De feito, o presidente de CDC, Artur Mas, prometeu que o novo partido que resulte do proceso de refundación será "un bo fillo de Convergencia".
Mas salientou que a nova formación poderá ser "semente de novas incorporacións", pois "estará aberta á incorporación de todas as persoas que queiran sumarse". O obxectivo do partido será ensanchar a base de votantes, isto é, "facer máis grande esta casa".
Homs, candidato ao Senado
Aliás, a militancia de CDC decidiu que Francesc Homs sexa o candidato da formación ao Senado. "A xente falou e un 70 e moi por cento optou por Homs".
O Congreso do que sairá a forza que resulta de Convergència terá lugar do 8 ao 10 de xullo e o día 23 elixirase a nova dirección.