O Consello de Seguridade da ONU abordará o "asalto" israelí a Al Aqsa
A representación da China e dos Emiratos Árabes Unidos no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) instaron a convocar unha reunión urxente do órgano, que segundo Reuters decorrerá hoxe mesmo, despois da condena xeral a nivel internacional, sobre todo nos países árabes, ao ingreso a terza feira do novo ministro de Seguridade Nacional de Israel, o político de extrema dereita Ben Gvir, ao recinto da mesquita de Al Aqsa, en Xerusalén, o terceiro lugar máis sagrado para as persoas que profesan o Islam.
“Condenamos enerxicamente o asalto da mesquita polo ministro extremista”, subliñou o Ministerio de Asuntos Exteriores palestino, que a cualificou de “provocación sen precedentes e unha perigosa escalada do conflito”, e reiterou que o statu quo determina que a Chaira das Mesquitas “é un lugar de rezo musulmán”, e reclamou á comunidade internacional que “actúe con urxencia para impedir a inminente explosión da situación en Palestina”, alertando da ameaza para a paz e a seguridade internacional que supoñen os "crimes israelís" ao alentar unha “guerra relixiosa”.
Ao tempo, o primeiro ministro, Mohammad Shtayyeh, acusou a Gvir de intentar converter a construción nun “templo xudeu”. O Goberno de Israel “ten toda a responsabilidade das consecuencias” que se poidan derivar da situación, afirmou Xordania, custodio do lugar relixioso.
As críticas que emitiron até os principais socios israelís, os Estados Unidos, así como o ex primeiro ministro Yair Lapid, que recoñeceu que se trataba dunha “provocación deliberada que porá vidas en perigo”, levaron o mandatario actual, Benjamin Netanyahu, a declarar que estaba “comprometido a manter o statu quo sen cambios”, menos dunha semana despois de volver ao cargo grazas a formacións de extrema dereita e ultra ortodoxas.
O voceiro do Departamento de Estado estadounidense, Ned Price, destacou a “preocupación por calquera acción unilateral que teña o potencial de exacerbar as tensións”, mencionando explicitamente a "preservación do statu quo histórico".
En paralelo, o ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, comunicou a Israel a intención de traballar no reinicio do proceso de paz “sobre unha base legal internacional recoñecida”. Pola súa parte, a Unión Europea pediu moderación.
A represión non cesa en Palestina
En Palestina, xa se reportaron case unha decena de propiedades derribadas en 2023, tres asasinatos a mans de Israel incluído o dun menor de idade, e a confirmación a 1.000 persoas de Masafer Yatta, en Cisxordania, de que en calquera momento serán expulsadas das súas vivendas.