Concellos da 'raia' demandarán a Europa compensacións económicas polo feche da fronteira

Un instante da reunión telemática entre as eurodeputadas. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Un grupo de eurodiputadas dos partidos políticos con representación na Galiza e Portugal acadan o compromiso de defender os intereses do territorio do Miño, que padeceu numerosas perdas polo blindaxe da fronteira malia as peculiaridades da zona, onde se comparten servizos.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño recibiu hoxe o compromiso de eurodeputadas e eurodeputados dos partidos políticos con presenza na Galiza e no norte de Portugal para exixir á Unión Europea que poña á disposición destas localidades limítrofes cartos para compensar o feche de fronteiras por mor da Covid-19.

No encontro decorrido esta sexta feira, o colectivo explicou aos representantes  “a problemática que as persoas traballadoras e as empresas da zona están a vivir pola decisión de só ter aberto un paso 24 horas na fronteira”.

Uxío Benítez, vicedirector da AECT, reflexionou sobre a necesidade de compensar a un territorio, coas súas particularidades e os seus espazos e servizos compartidos, no que non se entende o feche das conexións.

O responsábel asegurou que houbo unanimidade de todos os partidos para reclamar esas compensacións para a área “miñota”. Isto tramitarase a través dunha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo na que falaran dos espazos transfronteirizos e das perdas e outros problemas derivados de rachar a súa conexión.

A idea das políticas é pedir fondos europeos, mais tamén recorrer aos “plans de resiliencia” para municipios cunha dobre crise pola pandemia e a falta de mobilidade co país veciño sendo complementarios.

A respecto do mantemento do fechamento con Portugal até despois de Semana Santa anunciado onte polo primeiro ministro portugués Antonio Costa, o vicedirector do AECT Uxío Benítez subliñou que se volve producir un “escándalo”.

Porén, tamén desde o Estado español propuxeron unha solución similar para reducir o risco de expansión do virus. En calquera caso, na súa opinión, isto leva a unha “ruína económica”.

“Séguese obrigando ás persoas traballadoras a percorrer distancias quilométricas, a ter gastos de entre 200 e 300 euros ao mes máis en combustible para acceder aos postos de traballo”, lembrou, ao tempo que advertiu que o AECT ten xa constancia de casos de persoas que pediron a excedencia dos seus postos  por non poder asumir eses custes.