Complícase a formación dun Govern con ERC e Junts

Despois dunhas negociacións embarrancadas no apartado referente ao papel do Consello pola República liderado por Carles Puigdemont, ERC traballa para fechar canto antes a investidura de Pere Aragonès cun Goberno en solitario. Para apoiar esta opción, Junts exixe agora un acordo con En Comú Podem.

Sesión do Parlament de Catalunya a finais de abril. (Foto: Parlament de Catalunya)
photo_camera Sesión do Parlament de Catalunya a finais de abril. (Foto: Parlament de Catalunya)

Cando a finais de abril e comezos de maio os equipos negociadores de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts se xuntaron na prisión de Lledoners (Barcelona), onde se atopan os presos políticos Jordi Sànchez (secretario xeral de Junts) e Oriol Junqueras (president de ERC), semellaba o último paso para un acordo de Goberno.

Porén, co estancamento nas últimas semanas, ERC decidiu rachar as negociacións de modo case definitivo para centrarse na opción de gobernar en solitario, despois de dar un prazo a Junts, que non chegou a cumprirse diante da falta de avances arredor do encaixe do Consello pola República, dirixido por Carles Puigdemont desde o exilio, durante a lexislatura.

Malia que Junts se abrira ao longo das negociacións a investir Pere Aragonès, nos últimos días advertiu que precisarían dun acordo que se estendera a En Comú Podem (ECP) co fin de “deixarlles” os catro votos que precisarían para converter o candidato de ERC no vindeiro president da Generalitat.

Exixencias de En Comú Podem

Para a formación dirixida no Parlament por Jéssica Albiach, que ERC abandone a posibilidade inmediata dun acordo con Junts é unha boa nova, mais xa anunciou que solicitará entrar no Goberno catalán a cambio do seu apoio, indicou Albiach nesta segunda feira en sede parlamentar. Junts criticou o paso dado por ERC por medio de Sànchez, que advertiu en Catalunya Radio dunha decisión que, ao seu xuízo, os pon “aos pés dun abismo que nos pode levar a un accidente autoprovocado e a unhas novas eleccións”, ademais de apuntar que os seus votos para investir Aragonès non serán de balde.

Desde ERC a resposta chegou do mesmo Aragonès, que se amosou confiado en obter o apoio das 32 deputadas e deputados de Junts para acceder á Presidencia e desembarrancar a situación antes do 26 de maio, cando de modo automático serán convocadas novas eleccións, para mediados de xullo, no caso de que non se producise a investidura.

Multiplícanse as posibilidades dun Executivo en solitario

Arrincar coa lexislatura en solitario por haber puntos da negociación con Junts nos que se afasta a posibilidade dun acordo, “e a partir de aquí despois vemos como se poden ir resolvendo e, se alguén se quere incorporar ao Govern, falámolo”, defendeu Pere Aragonès, candidato de Esquerra, hoxe en TV3.

O tamén vicepresidente en funcións da Generalitat quixo lembrar que ao longo do procés ERC non foi a primeira forza do bloque independentista, posición que atinxiu nas eleccións de febreiro, e daquela non puxo estas trabas á formación dun Executivo para evitar unha repetición electoral, “non fai falta que se produza esta opción se todos os independentistas facemos o que fixemos en lexislaturas anteriores, que é apoiar o candidato independentista con máis votos”, destacou Aragonès.

Comentarios