venres 07/05/21

ERC e Junts negocian na prisión de Lledoners

A negociación entre ERC e Junts comeza a súa fase final cunha xuntanza na prisión de Lledoners, onde se atopan os presos políticos Jordi Sànchez e Oriol Junqueras. Na orde do día estaba o debate sobre a nova arquitectura do Goberno catalán, un dos puntos por fechar para que Pere Aragonès sexa investido presidente.

Oriol Junqueras antes de entrar á prisión de Lledoners
Oriol Junqueras antes de entrar á prisión de Lledoners. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

A prisión de Lledoners (Catalunya) acolleu esta terza feira unha nova xornada de negociacións entre Esquerra Repúblicana de Catalunya e Junts, para debater a estrutura que terá o novo Goberno de Catalunya.

A elección do lugar da xuntanza debeuse a que o secretario xeral de Junts, Jordi Sànchez, e o presidente de ERC, Oriol Junqueras, son presos políticos cataláns ao estar condenados polo referendo do 1 de outubro de 2017, mentres se desempeñaban como presidente da Assemblea Nacional Catalana e vicepresidente da Generalitat de Catalunya respectivamente.

Esta reunión chega case un mes despois do segundo intento de investidura de Pere Aragonès (ERC) e logo de varios avances na negociación, mais que aínda non se converteron nun acordo. A data límite para investir a persoa que ocupará a Presidencia da Generalitat é o 26 de maio, senón serán convocadas de modo automático unhas novas eleccións.

Na reunión participaron por parte de ERC o seu candidato, Pere Aragonès, Junqueras e Josep Maria Jové, presidente do grupo parlamentar de ERC no Parlament de Catalunya, que está pendente da imputación por participar nos preparativos do 1 de outubro. Por parte de Junts, a súa comisión negociadora está composta por Sànchez, a vicepresidenta do partido, Elsa Artadi, e o deputado no Parlament Josep Rius.

Até o de agora apenas hai apartados do debate fechados, aínda que tanto Junts como ERC recoñecen a evolución das conversas nas últimas semanas.

Estrutura do Govern

Na xuntanza abordarase a estrutura do Goberno catalán, incluíndo as consellarías e as competencias que van ter cada unha delas.

A proposta de ERC é a de crear tres novos departamentos: Igualdade e Feminismos, Acción Climática, e Universidades e Investigación. Asemade, as republicanas queren un novo posto de comisionado sobre os fondos europeos que estea vencellado directamente á Presidencia.

comentarios