Torra, sobre as negociacións de investidura: Junts e ERC “xóganse a credibilidade”

"Non termos chegado a facer unha investidura quere dicir que continuamos a matarnos entre nós”, lamentou o ex president catalán Quim Torra, que empraza Junts e ERC a rexeitar os acordos bilaterais e a tecer un acordo "estábel de todo o independentismo con toda a pluralidade e diversidade" coa maior celeridade. Pola súa banda, a portavoz de ERC, Marta Vilalta, garante que o acordo que Esquerra alcanzou coa CUP será integramente cumprido e que non se modificará ningún punto tras o eventual pacto de Govern ao que cheguen con Junts.

O ex president catalán Quim Torra (Foto: David Zorrakino Europa Press)
photo_camera O ex president catalán Quim Torra (Foto: David Zorrakino Europa Press)

O ex president da Generalitat Quim Torra alertou de que a falta dun acordo entre Junts e ERC que permita a formación do Govern podería afectar á credibilidade do espectro independentista do Parlament: "Xa levamos tres meses e pico de negociacións, e paréceme que os partidos independentistas xogan a súa credibilidade".

Así o dixo nunha entrevista de El Punt Avui este domingo, 4 de abril, na semana en que a Cámara catalá voltou rexeitar investir president da Generalitat o candidato de ERC, Pere Aragonès, polo que xa se activou o prazo de dous meses para que se convoquen de novo eleccións senón hai acordo.

Torra nsistiu en que despois dos resultados das eleccións do 14-F, que permitiron que os partidos independentistas ampliasen a maioría absoluta e superasen 50% do voto, "a cidadanía está a esperar unha folla de ruta clara e un Govern a tres canto antes mellor".

Por iso, emprazou Junts e ERC a rexeitar os acordos bilaterais e a tecer un acordo "estábel de todo o independentismo con toda a pluralidade e diversidade" coa maior celeridade.

Con todo remarcou: "Non termos chegado a facer unha investidura quere dicir que continuamos a matarnos entre nós".

ERC garante o cumprimento do pacto logrado coa CUP

"A CUP non debe temer nada (...) é un acordo e os acordos están para cumprilos", afirmou a secretaria xeral adxunta e portavoz de ERC, Marta Vilalta, en relación ao acordo de investidura que Esquerra alcanzou coa CUP, defendendo ao mesmo tempo que se pode facer compatíbel este acordo co eventual pacto de Govern que os republicanos cheguen con Junts para investir Pere Aragonès.

Así se pronunciou Vilalta nunha entrevista a Europa Press, despois de que a portavoz da CUP no Parlament, Eulàlia Reguant, advertise que, de modificarse algún punto do acordo, a CUP fará outro debate interno que podería concluír retirando o apoio a Aragonès. Reguant afirmou que isto "non será responsabilidade da CUP", e tamén avisou ERC de que algúns perfís de Junts non responden ao xiro á esquerda que defenden para o novo Govern.

Vilalta argumentou que o acordo coa CUP é bo tanto para afrontar a crise como para avanzar cara á independencia, e insistiu en que o compromiso de ERC é seguir traballándoo e mellorando: "Estamos moi satisfeitos deste acordo".

Defendeu que será compatíbel co plan do novo Govern que pacten con Junts e asegurou que non ve "ningunha liña vermella" que a formación de Carles Puigdemont non poida asumir, xa que, segundo ela, nas reunións con Junts non lles transmitiron ningún punto programático que puider ser obstáculo para desencallar a investidura.

Con todo, no pleno de investidura da pasada segunda feira, a portavoz de Junts no Parlament, Gemma Geis, dixo que o seu proxecto para Catalunya afástase do que expón o acordo entre ERC e a CUP, e afirmou que non lle interpelaba este pacto.

Geis criticou especialmente o plan piloto para impulsar unha renda básica universal, que se inclúe no acordo, xa que advertiu do impacto orzamentario que pode ter para as finanzas da Generalitat, pero Vilalta replicou que "a renda universal” será realidade.

"Este punto que pactamos, como o resto de puntos do acordo entre ERC e a CUP, está para cumprirse. E neste caso, despregar un plan piloto en relación á renda básica universal entendemos que é unha maneira de superar e pór fin á pobreza extrema de moitísima xente, de poder garantir un mínimo vital para moitísimas persoas que nos permitiría dar un salto adiante na calidade de vida de moitísima xente", engadiu.

Aínda que admite que a Generalitat non ten os recursos dispoñíbeis para aplicar xa unha renda básica universal, cre que iniciar un plan piloto pode supor "un salto nun futuro".

Ademais, a dirixente republicana avisou Junts de que os resultados electorais deixaron claro que "o centro de gravidade do independentismo virou cara ás esquerdas" e que isto tamén se debe reflectir nas políticas do novo Govern.

Para garantir que o Govern cumpra o acordo coa CUP, tamén por parte das consellarías que lidere Junts, destacou que o pacto incorpora mecanismos de coordinación e seguimento que implicará ao "conxunto do Govern; non só é un acordo de partidos, estará asumido por todo o futuro Govern".

Mesa de diálogo

O pacto entre ERC e a  CUP tamén dá dous anos de marxe á mesa de diálogo e sitúa 2023 para avaliar se está a funcionar ou se se debe acelerar un novo embate co Estado, e cre que isto tampouco será un problema para Junts.

A pesar de que non é partidaria de pór datas nin prazos ao proceso independentista, sinalou que estes dous anos de marxe non son para finalizar a mesa de diálogo, senón para analizar en que punto se atopa porque a solución ao conflito non se pode demorar 'sine die': "Non pode durar eternamente"

Repartición do Govern

Preguntada sobre a repartición das consellarías do novo Govern entre ERC e Junts,  Vilalta apostou por atopar un equilibrio entre ambas as formacións, pero que non debe pasar necesariamente por investir os cargos actuais, é dicir, que os republicanos queden cos departamentos que agora ten Junts, e á inversa, que é unha das opcións que hai sobre a mesa nas negociacións.

Comentarios