Catalunya

Freo á investidura de Aragonès despois da segunda votación

O resultado da votación no segundo Pleno de investidura do candidato de ERC non permite que Aragonès comeze polo de agora a súa etapa de Goberno.
Pere Aragonès despois da súa intervención no Pleno de onte. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès despois da súa intervención no Pleno (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

96 horas despois do Pleno no Parlament de Catalunya para debater e votar a candidatura de Pere Aragonès (ERC) á Presidencia de Catalunya, o segundo Pleno e a segunda votación tiveron o mesmo resultado: 42 votos a favor, 32 abstencións e 61 en contra.

Estes números abren un período de dous meses, até o 26 de maio, no que ERC e JxCat terán que poñerse de acordo cando menos para a investidura do candidato de ERC se queren evitar a convocatoria automática de eleccións.

Durante o Pleno, o voceiro de ERC no Parlament, Sergi Sabrià, pediu responsabilidade a JxCat, “absterse non é unha boa opción, é adiar a oportunidade de traballar pola xente”.

A resposta de JxCat viu de Gemma Geis, a súa voceira no Parlament, “pedimos que non se fixera a votación até que houbera pacto (...), non dubidamos quen é o candidato, nin queremos unha repetición electoral. Temos predisposición para acordar a súa candidatura” afirmou.

Pola súa banda o líder do PSC no Parlament, Salvador Illa, atacou a ERC pola falta de acordo con JxCat: "Non hai que enganar aos cidadáns con falsas promesas. Teño a obriga de dicirlle que é vostede o responsábel de levarnos a repetir unhas eleccións”.

Eulàlia Reguant, por parte da CUP, sinalou que o voto favorábel da súa formación “é para avanzar”, e asegurou que “o Estado non vai afrouxar a represión e os descursos de Illa son unha mostra que o Goberno español non ten ningunha intención de abrir unha vía de diálogo nin de escoitar as propostas de cambio social”.

Pechou as intervencións o candidato, Pere Aragonès, defendendo que “quero ser o presidente de todos” e que “nunca me escoitarán decir que hai bos ou malos cataláns en función a quen votan, rezan ou aman”.

Cordón sanitario á extrema dereita

Na intervención de Ignacio Garriga, voceiro de Vox, todos os partidos a excepción de Vox, PP e Ciudadanos aplicaron un cordón sanitario á extrema dereita, saíndo da sala algunhas deputadas e outras amosando insignias antifascistas.

Comentarios