Catalunya estrea 556 km de autoestradas libres de peaxes

Treitos de catro autoestradas en Catalunya non teñen peaxes explícitas desde esta cuarta feira, 556 quilómetros recibidos con xúbilo por entidades que levan décadas loitando contra as peaxes. Isto deixa apenas 120 km de pago para as persoas usuarias, mentres Transporte asume que este modelo de peaxe non volverá.
O vehículo privado é o dominador na Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Primeiros coches pasando sen ter que pagar peaxe na AP-7, na noite da terza á cuarta feira. (Foto: Europa Press)

Pouco antes das 12 da noite desta terza feira, cando expiraba a concesión de 556 quilómetros de peaxes nas estradas catalás, un grupo de plataformas e asociacións reunidas para celebrar na explanada de Can Nolla, en Vilassar de Dalt, comezaban a lectura do manifesto Una oportunitat històrica, no que conmemoraban décadas de loita.

O rematar, dirixíronse cara ás cabinas de peaxe da primeira autoestrada de Catalunya e do Estado, a C-32 norte, inaugurada en 1969.

Amais da C-32 norte, foron eliminadas as peaxes para os condutores da C-33, ámbalas dúas de titularidade catalá, e da AP-2 e AP-7, propiedade do Estado. Só nestas dúas últimas estradas, que suman 477 quilómetros, o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana estima o aforro para as persoas que usan estes treitos en 752 millóns de euros anuais.

Tras desmantelarse o pago por acceder á estas vías, restan 120 quilómetros de estradas de peaxe en Catalunya, todos da Generalitat e con concesións que non rematan até a vindeira década: o Túnel del Cadí, o tramo Sant Cugat-Manresa (Barcelona) da C-16, o treito Castelldefels-El Vendrell da C-32 e os Túneles de Vallvidrera.

O primeiro día sen peaxes explícitas nestas estradas tivo un tráfico fluído e sen incidentes, informou o Servei Català de Trànsit, malia que desde a Generalitat a previsión é un aumento de tráfico entre o 15% e o 20%, con diferenzas segundo o treito. Asemade, o Ministerio fai a mesma previsión mais sen achegar datos.

4.000 millóns de euros de compensación

Tanto as autoestradas da Generalitat como do Estado nas que foi eliminada a peaxe para as persoas usuarias, estaban sendo xestionadas por filiais de Abertis (Invicat e Acesa respectivamente). Acesa reclama ao Estado o pago de máis de 4.000 millóns de euros pola compensación por tráfico garantido no contrato. Un importe que quedara pendente de ser revisado cando expirara a concesión. 

O Ministerio de Transporte descarta recuperar este modelo de peaxe

Non se “volverán aplicar peaxes coma as que había até o de agora”, sostivo nunha entrevista onte con El Periódico a ministra de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, que estivo en Catalunya nas horas previas ao feche definitivo das cabinas de peaxe en varias vías do territorio, salientando que “terá un impacto directo moi importante para os cataláns, que verán como os seus petos experimentan un aforro”.

A ministra defende que o novo sistema que o Goberno estatal decida pór en marcha ten que ter “unhas tarifas xustas e equilibradas cun sistema público e homoxéneo para o conxunto do Estado español”, co fin de evitar “agravios como os que se están a producir” e en liña co que fan “23 dos 27 Estados da Unión Europea” para garantir o mantemento das súas estradas.

Comentarios