O candidato do Partido Comunista chileno desconfía do Exército lembrando 1973

A igualdade nas enquisas entre esquerda e dereita quece o debate político en Chile.
EuropaPress_3775309_archivo_elecciones_chile
photo_camera Colexio electoral, o domingo, nos inéditos comicios rexionais (Foto: Matias Basualdo / Zuma)

Co golpe de Estado contra o Goberno de Salvador Allende como pano de fondo e as presidenciais do 21 de novembro no horizonte, o debate político en Chile sobe de temperatura co fin de inclinar a balanza nunhas enquisas que apuntan unha igualdade máxima entre dereita e esquerda.

Por segunda semana consecutiva, as sondaxes reflicten un triplo empate entre o conservador Joaquín Lavín, da Unión Democrática Independente (UDI), con 14%; Yasna Provoste, candidata ─aínda non confirmada─ de Democracia Cristiá (DC, centroesquerda), con 14%; e Daniel Jadue, candidato do Partido Comunista (PC), con 13%. 

Logo da recente elección das 155 persoas encargadas de redactar a nova Constitución chilena, onde se ratificou o xiro netamente progresista vivido no país tras o estalido social de outubro de 2019, a dereita busca recuperar a súa posición e ataca con dureza os seus rivais, especialmente a Jadue.  

A última polémica ten que ver coa proposta realizada polo candidato comunista, que dixo que en caso de ser elixido pediría que a DC e o Exército asinasen un estatuto de garantías democráticas para asegurar que non será derrocado como Allende en 1973.

Acordo da DC con Allende

Este "estatuto de garantías democráticas" lembra ao que a DC fixo asinar á Unidade Popular (UP), a coalición de partidos de esquerda que lideraba Allende, como condición para apoiar a súa ratificación no Parlamento. A DC temía que a UP ─que asinou o documento─ levase Chile a un sistema marxista-leninista.

"Esas palabras reflicten unha moi mala comprensión da democracia e do noso Estado de Dereito", sinalou o presidente chileno e líder da coalición conservadora Chile Vamos, Sebastián Piñera. 

Jadue, que lanzou a proposta nun programa en Facebook Live, argumentara que o Exército non se pode colocar de novo ao servizo dunha potencia estranxeira, en referencia ao papel dos EUA no golpe de 1973. Recalcou tamén que as forzas militares actuaran máis veces contra o pobo chileno que en guerras con outros países.

E ás palabras de Piñera, retrucou lembrando que "está acusado na Comisión Interamericana de Dereitos Humanos por no defender ni respectar a democracia". 

Vitoria do centroesquerda

Fíxoo tras votar na segunda volta dos comicios rexionais do domingo, onde o centroesquerda se converteu no gran vencedor, logrando a maioría das gobernacións, incluída a de Santiago. 

Aquí se impuxo o candidato da DC, Claudio Orrego (52,7%) por riba da candidata que apoiaban a pola Fronte Ampla e o PC, Karina Oliva (47,27%). É a primeira vez que Chile elixe estes representantes rexionais, antes designados a dedo polo Goberno central. 

Comentarios