Análise

Avanza Galicia cara a un 'Green Deal Europeo'?

O economista e profesor da USC Diego Sande Veiga prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
Alcanzar os obxectivos deste Pacto Verde pasa por fomentar un uso eficiente dos recursos. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Alcanzar os obxectivos deste Pacto Verde pasa por fomentar un uso eficiente dos recursos. (Ilustración: Álex Rozados)

Cinco décadas despois da primeira conferencia de Estocolmo sobre o medio humano as políticas medioambientais seguen sen superar o límite librecambista. Consecuencia da lóxica de mercado veñen sucedéndose nos últimos anos deslocalizacións masivas da actividade industrial cara a países con regulamentación ambiental máis laxa. Ademais, hoxe en día o conflito ucraíno e a crise enerxética relegan a un segundo plano a problemática ambiental en Europa. A case ninguén semella importar a reactivación da industria do carbón ou que o abastecemento de gas natural licuado (GNL) estadounidense comporta unha pegada de carbono case catro veces superior que a de gas ruso, por non falar do impacto de técnicas altamente contaminantes como o fracking para a extracción deste último.

Neste escenario, a UE conta cunha ferramenta creada para loitar contra o cambio climático, que pretende que Europa acade o status de continente climaticamente neutro en 2050: o chamado Green Deal (Pacto Verde) europeo na loita contra o cambio climático (cuxo nome foi parcialmente extraído das medidas tomadas por Franklin D. Roosevelt para enfrontar a Gran Depresión de 1929). No plano teórico o emprego desta ferramenta implica promover unha economía limpa, con cero emisións e que protexa a nosa contorna natural. Para acadar os obxectivos deste Pacto Verde, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 propostos pola ONU, estableceuse unha folla de ruta que inclúe medidas para fomentar o uso eficiente dos recursos. Entre as actuacións previstas atópanse, por exemplo, o investimento en tecnoloxías respectuosas co medio ambiente, o apoio á innovación industrial, a promoción dun transporte público saudable, a descarbonización da enerxía, a procura da eficiencia enerxética das construcións e a colaboración entre axentes internacionais. Mais, como se concretan estas accións a nivel orzamentario europeo?

Fronte ao escaso apoio na planificación orzamentaria para a loita contra o cambio climático e a innovación medioambiental contemplado no período 2007-2013, o septenio seguinte supuxo un punto de inflexión. No período 2014-2020 dotouse un fondo plurirrexional para o Crecemento Sostible que contou con 5.520 millóns de euros para o conxunto do Estado. Este programa concentrábase en catro eixos prioritarios: 4-Economía baixa en carbono, 6-Calidade da auga, 7-Transporte Sostible e 12-Desenvolvemento urbano integrado e sostible. Ademais deste programa, outros recursos pertencentes a programas como o FEDER (preto do 25% do total de recursos) ou FEADER estaban destinados ao apoio das actuacións no eido do medio ambiente.

Para o período de programación 2021-2027, a Comisión Europea propuxo un orzamento de 1.105 billóns de euros, dos cales o 1% estaría destinado especificamente á redución de gases de efecto invernadoiro. Unha das principais novidades no presente período de programación foi a posta en marcha do coñecido como Fondo de Transición Xusta (FTX). Se ben este FTX debe abranguer a todos os Estados membros, os seus recursos diríxense en maior medida cara os territorios máis prexudicados polo proceso de transición climática. Para isto o FTX conta cun orzamento global de 17.500 millóns de euros (7.500 dentro do MFP e 10.000 no marco de NextGenerationEU).

Un problema global

A aposta europea polo desenvolvemento da sostibilidade foise concretando nunha crecente asignación orzamentaria, o que en si é un dato positivo. Pero os retos a enfrontar na xestión de recursos da área medioambiental son variados e complexos. En primeiro lugar cómpre ter claro que un problema global como o cambio climático vai ser resolto cuns centos de millóns de euros. En segundo lugar, Galicia (de forma similar a outras rexións) contou historicamente con dificultades de absorción dos recursos europeos. Tanto é así que con datos de mediados de 2021, a menos de ano e medio da finalización do prazo de elixibilidade do gasto do período 2014-2020, a súa execución apenas acadaba o 50%. En terceiro lugar, fronte á crecente relevancia do nivel rexional na aplicación de políticas, os instrumentos escollidos pola administración estatal son fundamentalmente programas de carácter plurirrexional, cuxa execución depende dese nivel, e non do autonómico. Isto é relevante porque non só importa a cantidade de recursos investidos, senón que a súa concreción é tamén importante. Mais nese nivel de concreción deberían axitar o debate e as conciencias os proxectos que apostan por modelos medioambientais que redundan na eucaliptización da masa forestal galega (Altri), en actividades con emisión de contaminantes (ata hai pouco Galicia era responsable do 9,03% das emisións industriais contaminantes en España, cando o PIB supoñía arredor do 6%) ou que se basean na invasión indiscriminada da paisaxe mediante a proliferación de parques eólicos en terra (cuxos lucros, por certo, reverterían principalmente en empresas foráneas). Camiña a autonomía no actual contexto mundial cara un Green Deal Europeo ou ben cara un novo benvido Mr. Marshall?

Comentarios