O Brasil logra un consenso no G20 para reformar a gobernación global

As mudanzas inclúen a ONU, o FMI ou a OMC.
O líder negociador do Brasil para o G20, Mauricio Carvalho. (Foto: Fernando Frazão / Agencia Brasil / DPA)
photo_camera O líder negociador do Brasil para o G20, Mauricio Carvalho. (Foto: Fernando Frazão / Agencia Brasil / DPA)

O titular brasileiro de Exteriores, Mauro Vieira, transmitiu hoxe que todos os Estados do G20 concordaron na necesidade de impulsar a reforma da Organización das Nacións Unidas (ONU), especialmente do Consello de Seguridade do organismo, na derradeira xornada da reunión de ministras e ministros de Exteriores do G20 que decorreu no Brasil, país que lidera este ano a entidade.

A reforma dos organismos de gobernación global foi defendida en distintas ocasións polo presidente do Brasil, o progresista Lula da Silva, a última a pasada fin de semana, cando solicitou a ampliación do Consello de Seguridade e a fin do dereito de veto do que gozan os Estados Unidos, Rusia, a China, Francia e o Reino Unido, o que levou á súa inclusión na axenda do G20.

Vieira definiu a reforma como “urxente e prioritaria”, mencionando amais da ONU o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional ou a Organización Mundial de Comercio. Asemade, recalcou que “houbo unha virtual unanimidade no apoio á solución dos dous Estados como a única posíbel para o conflito entre Israel e Palestina”.

Comentarios