A Xustiza do Brasil replica ao golpismo condenando Bolsonaro a 27 anos de cárcere

Intento de golpe de Estado no Brasil o 8 de xaneiro de 2023, co asalto á sede dos tres poderes do Estado. (Foto: Télam)

Os Estados Unidos ameazan con novas represalias após unha sentenza que inhabilita o ex presidente ultradereitista até 2060.

Tentativa de abolición violenta do Estado democrático de dereito, golpe de Estado, participación en organización criminal armada, danos agravados e ao patrimonio histórico. Por estes delitos foi sentenciado na madrugada da sexta feira polo Supremo Tribunal Federal a 27 anos e tres meses de prisión o ex presidente brasileiro Jair Bolsonaro.

A declaración de culpabilidade contra el e o resto de ultradereitistas, dous anos e medio despois do apoxeo da sublevación, o asalto por parte dos seus partidarios á sede dos tres poderes en Brasília, a capital do país, tamén se estende aos seus principais cómplices, como o almirante e ex comandante da Marinha, Almir Garnier, condenado a 24 anos de cárcere, ou Walter Braga Netto, ex xeneral, ministro da Casa Civil e de Defesa, a 26.

Tamén 24 anos recolle o veredicto para Anderson Torres, ex ministro de Justiça e secretario de Segurança Pública do Distrito Federal, que acolle a capital, nunha condena que se reduce para o ex xeneral e xefe do Gabinete de Segurança Institucional, Augusto Heleno (21), e o ex xeneral e ministro de Defesa Paulo Nogueira (19).

O último condenado por todos os crimes foi o tenente coronel e ex axudante de Bolsonaro Mauro Cid, que colaborou coa investigación, polo que terá que pasar dous anos en “reclusión en réxime aberto”, o que con moita seguridade traducirase nun arresto domiciliario polas noites.

O último imputado, Alexandre Ramagem (16 anos, un mes e 15 días), ex director da Intelixencia e deputado federal polo Partido Liberal (PL), foi sentenciado por todos os delitos agás os danos agravados e ao patrimonio, nunha decisión que fica suspendida. Tamén se determinou a perda do seu mandato como deputado.

A sentenza inhabilita todos os condenados, que non poderán postularse a cargos públicos electivos até oito anos despois de finalizar a súa pena. No caso do ex mandatario, non podería volver optar á Presidencia até decembro de 2060. Tería 105 anos.

O veredicto tamén comprende multas que van desde os arredor de 50.000 euros a Bolsonaro até os 10.000 de Ramagem, amais de 4,75 millóns de euros por danos morais colectivos que terán que afrontar conxuntamente.

Horas antes de difundirse a sentenza, que corroborou a existencia dun plan golpista, que incluía o asasinato do actual presidente, o progresista Lula da Silva, que viña de imporse nas eleccións precisamente a Bolsonaro, ou do membro do Supremo Alexandre de Moraes, a xuíza Cármen Lúcia trasladou o seu voto a favor da condena, denunciando que, desde 2021, cultivouse no Brasil “un terreo social e político para sementar o gran maligno da antidemocracia”. Porén, “a democracia brasileira non foi sacudida” malia o avance do “virus do autoritarismo”, resaltou.

Coa súa decisión, após apoiar de Moraes, que alertou de que buscaban instaurar unha “ditadura”, e Flávio Dino a condena e Luiz Fux a absolución, o destino de Bolsonaro xa estaba selado. Sexa como for, tamén Cristiano Zanin, o último en votar, considerounos culpábeis.

Unha das primeiras reaccións foi a de Marco Rubio, secretario de Estado estadounidense, que ameazou con que “responderán en consecuencia a esta caza de bruxas”, aseverando que se trata dunha “persecución política liderada por de Moraes, sancionado por violar os dereitos humanos”, na que “decidiron inxustamente encarcerar” Bolsonaro.

Con posterioridade, o presidente Donald Trump sinalou que “é moi sorprendente que isto puidera pasar”, detallando que “é moi parecido ao que intentaron facer comigo, pero non se saíron coa súa”.

O certo é que Trump ten razón, posto que, a diferenza do sucedido tras o intento de golpe de Estado de 2022 en Washington, tamén para evitar que Trump abandonase a Presidencia após perder as eleccións, “as institucións democráticas brasileiras deron resposta ao golpismo”, incidiu o Ministerio das Relações Exteriores na súa resposta a Rubio.

As súas declaracións, que “ignoran os feitos e a evidencia contundente, non intimidarán a nosa democracia”, reiterou o organismo, que ratificou que “continuaremos a defender a soberanía do país de agresións e tentativas de inxerencia, veñan de onde veñan”.

Precisamente a sentenza reflicta a capacidade do país de resistir as manobras dos Estados Unidos para evitar a condena, como elevar os aranceis a arredor de 40% das exportacións brasileiras ao país a 50% –o Brasil xa está a estudar as posíbeis represalias– e sancionar de Moraes, prohibindo a súa entrada nos Estados Unidos.

O motivo foi a súa orde de bloquear contas de ultradereitistas en X por difundir mensaxes de odio, incitar á violencia ou desinformar no proceso electoral de 2022, o que Washington argúe que é un ataque contra a liberdade de expresión. Isto mesmo usouno esta semana para elevar o ton das súas ameazas por medio da voceira da Casa Branca, Karoline Leavitt, que remarcou logo de ser preguntada por Bolsonaro que, para protexela, Trump “non teme usar o poder económico e militar”.

A defensa anuncia que recorrerá o veredicto

O equipo legal de Bolsonaro fixo público rapidamente que apelará a condena, “incluso no ámbito internacional”. Con todo, ao proceder a sentenza do máximo tribunal do país a única opción son recursos para esclarecer puntos concretos do auto, que, en todo caso, “desde o punto de vista xurídico non teñen maneira de ser aceptados”, explica a Nós Diario a xornalista e historiadora brasileira Ivony Lessa, constatando que “agárdase que as penas comecen a ser cumpridas xa en outubro”.

No tocante ás implicacións a nivel interno, Lessa apunta que o Congreso Nacional, controlado pola dereita e a ultradereita, tratará de aprobar unha amnistía para os condenados, aducindo que é “precisa unha pacificación nacional”. Non obstante, “a amnistía é plenamente inconstitucional”, subliña.

Tamén abunda en que “o risco agora é a inestabilidade institucional”, cun lexislativo “paralizado” arredor desta cuestión e que non aborde as propostas do Executivo, limitando a implantación das súas medidas con vistas aos comicios presidenciais do vindeiro ano.

Sobre Washington, non descarta que acabe por aplicar “outros tipos de sancións”, posto que até o de agora a suba dos aranceis tivo un “resultado excelente” para o comercio brasileiro.