A Polícia do Brasil descubre indicios de que Bolsonaro branqueou cartos

Recibiu máis de 4,2 millóns de euros entre 2023 e 2024.
O ex presidente do Brasil Jair Bolsonaro, durante unha manifestación na Avenida Paulista, na cidade de São Paulo, o 25 de febreiro de 2024. (Foto: André Ribeiro / The News / Zuma Press).
O ex presidente do Brasil Jair Bolsonaro, durante unha manifestación na Avenida Paulista, na cidade de São Paulo, o 25 de febreiro de 2024. (Foto: André Ribeiro / The News / Zuma Press).

O ex presidente brasileiro, o ultradereitista Jair Bolsonaro, recibiu entre marzo de 2023 e febreiro de 2024 máis de 4,2 millóns de euros, a meirande parte sen xustificación, descubriu a Polícia Federal do país, nunhas transaccións que, segundo transcendeu a sexta feira, considera “indicios” dun delito de branqueo de capitais “ou outras actividades ilícitas”.

Tanto Bolsonaro como o seu fillo Eduardo puxeron en marcha “diversas manobras para disimular a orixe e destino de recursos financeiros, co obxectivo de financiar e apoiar actividades de natureza ilegal do lexislador residente no exterior”, en alusión a Eduardo, que se mudou en marzo aos Estados Unidos.

Este documento foi a base para a denuncia policial contra Bolsonaro e o seu fillo por coaccións, ao promover nos Estados Unidos medidas de represalia contra o Brasil e o Poder Xudicial.

Isto inclúe sancións coercitivas ao xuíz do Supremo Tribunal Federal Alexandre de Moraes e unha suba dos aranceis á importación de bens brasileiros a 50%, para frear o litixio polo intento de golpe de Estado de 2023.

De feito, cando se ordenara o arresto domiciliario do ex mandatario polo xuízo xa se apuntara ao financiamento con 300.000 euros dunha campaña para que Eduardo convencese Washington para impor sancións a Brasília por xulgar o ultradereitista, como así sucedeu.

Intento de fuga

Ademais, de Moraes outorgou 48 horas ao equipo legal de Bolsonaro para que explique o referente a un documento atopado no que prevía pedir asilo na Arxentina, cun Goberno de extrema dereita, o que a Polícia interpreta como unha tentativa de fuxir do país e evitar render contas polas súas accións.

Comentarios